Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha de xornadas de formación, asesoramento… para o colectivo de autónomos do municipio. O documento asinouse no Concello de Salceda, por parte de Jose Ramón Caldas Martínez (Presidente de APE) e Marcos Besada (Alcalde de Salceda). Estiveron tamén presentes Sonia Acuña por parte de APE e Loli Castiñeira, Concelleira de Formación e Emprego de Salceda de Caselas.
Así, por parte da APE ofrécese asesoramento técnico, xurídico, fiscal e laboral a traballadores/as autónomos/as e pequenas empresas, así como a elaboración de informes, proxectos, eventos… de interese para o colectivo. Pola súa banda, o Concello pon a disposición de APE as instalación precisas para levar a cabo as actividades, así como os medios materiais e humanos precisos, establecendo o tipo de colaboración precisa en cada unha das iniciativas que se leven a cabo.
Coa sinatura deste convenio, as dúas entidades traballarán conxuntamente para conseguir unha maior capacitación profesional do colectivo de autónomos, potenciando dese xeito a actividade do comercio local en Salceda. Levaranse a cabo tamén iniciativas de fomento do autoemprego, promovendo así mesmo a integración nesta modalidade de ocupación das persoas con capacidades distintas.
O Concello de Salceda contaba, a 31 de decembro de 2016, con 693 traballadores/as autónomos/as, aos que irán dirixidas as acción que se poñan en marcha.
Loli Castiñeira, Concelleira de Emprego: “O autoemprego está a ser un modelo ao que cada vez máis acuden os nosos veciños e veciñas, polo que é preciso ofrecerlles as ferramentas das que poidamos dispoñer para fortalecer este tecido de vital importancia en Salceda. Dende o CDL do Torrón seguimos a ofertar novos servizos cada día, neste caso tamén para os autónomos”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Coa sinatura deste convenio, ou con servizos que solo se ofertan no noso Concello, como é o caso da Aula Mentor, seguimos a poñer a Salceda como referente en toda a comarca nas políticas de emprego e formación”.