Salceda de Caselas | O equipo de goberno de Salceda de Caselas incluíu na orde do día do Pleno Ordinario do mes de abril a aprobación do texto do convenio que o Concello asinará con Augas de Galicia para execución do novo ramal de saneamento na zona do Cerquido, en San Estevo de Budiño.
Trátase dun convenio por valor de 787.924,45 €, dos cales o Concello de Salceda asume 157.584,90 € repartidos en dúas anualidades (2025 e 2026), o que supón un 20% do investimento, fronte a un 80% asumido por Augas de Galicia logo dun longo proceso de negociación. O Concello de Salceda ten xa solicitados no Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra os 24.014,14 € que lle corresponde achegar na anualidade 2025.
Para a Alcaldesa, Loli Castiñeira, o proxecto de saneamento do Cerquido vén a completar un ano histórico no que a saneamento se refire no Concello de Salceda con grandes proxectos aprobados para Entenza, Soutelo e Cerquido por máis de dous millóns e medio de euros. A Alcaldesa quixo agradecer ás anteriores corporacións que durante anos loitaron por conseguir este obxectivo, así como á veciñanza da zona “pola súa pacencia, pola súa colaboración, e por entender que o único xeito de conseguir os mellores resultados era sumando esforzos e remando na mesma dirección”. Así mesmo, a Alcaldesa quixo agradecer ao director de Augas de Galicia, Roi Fernández, por manter a palabra dada á veciñanza e facer que esta proxecto sexa por fin unha realidade”.
Xa no ano 2015, na alcaldía de Marcos Besada, se iniciaron os trámites para conseguir o saneamento na zona. Sen embargo non foi ata marzo de 2021, xa con Loli Castiñeira na Alcaldía, cando Augas de Galicia encargou por fin a redacción do proxecto construtivo, tal como se tiña comprometido. Catro anos máis tarde, logo de numerosas reunións, visitas de campo e chamadas, a actuación faise por fin realidade coa próxima sinatura do convenio entre Concello e Augas de Galicia, para o cal se fai precisa a súa aprobación previa por parte do Concello de Salceda. O Pleno celebrarase o vindeiro xoves 24 de abril.
Este novo tramo dará servizo a preto de 20 vivendas e varias naves industriais no entorno da estrada N550, e completa a obra de saneamento executada no ano 2015 (OH.336.912). O novo ramal quedará conectado ao colector interceptor xeral do río Louro Tramo I Cerquido – EDAR de Guillarei para o seu posterior tratamento.