Salceda de Caselas | O pasado 7 de Marzo, a alcaldesa Loli Castiñeira e o concelleiro de deportes Marcos Troncoso, mantiveron unha xuntanza co Secretario Xeral para o Deporte en Galicia, José Ramón Lete Lasa.
Por parte do Concello presentouse o proxecto de substitución do céspede do Campo de Fútbol do Penedo Redondo, e trasladouse a necesidade de execución desta obra debido ao elevado número de persoas que diariamente fan uso das instalacións e o risco de lesión ao que están expostas. Este risco é a maior preocupación do equipo de goberno, que converte en prioritaria esta actuación na área de deportes nun Concello tan dinámico como Salceda.
O Secretario Xeral para o Deporte comprometeuse a estudiar a proposta e buscar posibles vías de colaboración, coincidindo na importancia da reforma proposta. A Federación Galega de Fútbol fixo entrega do proxecto ao Concello, valorando as obras nun total de 233.930,92€. O Concello busca agora vías de cofinanciamento, con intención de incluír parte do proxecto no Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra e completar o investimento coa aportación que poida facer a Xunta de Galicia.
Marcos Troncoso: “Agradecemos a boa predisposición do Secretario Xeral para colaborar con este proxecto, coincidindo con nós en que é un investimento prioritario polo que se debe apostar e que non debe demorarse, para garantir a seguridade das persoas que fan uso da instalación”. Loli Castiñeira: “Dende o Concello apostamos decididamente por este proxecto, e asumiremos unha parte importante do mesmo. A colaboración de outras administracións é imprescindible para que esta mellora se faga realidade canto antes”.