Salceda de Caselas | A Asociación de Mulleres Rurais Caselas foi o colectivo elixido este ano polo equipo de goberno de Salceda para disparar o “estourazo” de inicio das Festas do Cristo. A cita será o vindeiro sábado 20 de xullo ás 22:00 horas dende o balcón da Casa da Casa da Cultura Castelao, nun evento que chega xa á súa XV edición.
A Asociación de Mulleres Rurais formouse fai 30 anos, e na actualidade aglutina xa a máis de 150 socias de Salceda. Durante eses anos son numerosas as iniciativas organizadas, como talleres e cursos, andainas, excursións, xantares, etc.
O pasado mes de xaneiro a asociación celebrou no Auditorio Municipal o seu 30 aniversario, e o equipo de goberno do Concello, coa Alcaldesa Loli Castiñeira á cabeza, quere deste xeito completar esa celebración outorgándolles a estas mulleres a honra de ser as encargadas de disparar o “estourazo” que supón o punto de partida das festas do Cristo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Parabéns ás Mulleres Rurais de Salceda por estes 30 anos de traballo en beneficio da nosa vila. Agardamos que toda a veciñanza goce destes días de festa e convivencia e que esta sexa un ano máis unha fin de semana de música, diversión e alegría para toda Salceda”.
O Estourazo naceu en Salceda no ano 2010 e por el levan pasado diferentes colectivos sociais, educativos, deportivos ou culturais entre outros. Nas horas previas, como xa ven sendo tradición, a Agrupación Gaiteira de Salceda voltará percorrer as rúas da vila na súa cita anual, aglutinando máis de 60 persoas baixo o lazo de unión da música tradicional.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Festexos: “Este evento, ao igual que moitos outros, non sería posible sen o traballo de Protección Civil, Policía Local e cantas persoas colaboran para que as nosas festas transcorran sen incidentes cada ano, polo que queremos trasladarlles o noso máis sincero agradecemento” Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Parabéns ás Mulleres Rurais de Salceda por estes 30 anos de traballo en beneficio da nosa vila. Agardamos que toda a veciñanza goce destes días de festa e convivencia e que esta sexa un ano máis unha fin de semana de música, diversión e alegría para toda Salceda”.