Salceda de Caselas | A xefa da unidade contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Mª José Rodríguez, xunto coa Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, a Concelleira de benestar social e igualdade, Selene González, e unha representación da directiva da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias, visitaron nesta semana as instalacións da antiga escola da Revolta, que dende fai meses teñen sido convertidas no novo “Obradoiro Social A Revolta”, no cal a Asociación Veciñal pode desenvolver as súas iniciativas. Este é o resultado dun excepcional traballo da entidade veciñal presidida por María Rodríguez, que conseguiu darlle unha nova vida a este edificio, que agora acolle ás persoas maiores que fai décadas asistiron a esas mesmas instalacións na súa época escolar.
O proxecto de atención a persoas maiores conta nestes momentos con 15 asistentes que, da man dunha educadora social, realizan tarefas que melloran sen dúbida a súa saúde mental e a súa autonomía, e ao mesmo tempo favorece a conciliación das familias, que durante tres tardes á semana evitan ter que, en moitas ocasións, deixar soas ás súas persoas maiores.
Ademais da educadora, resulta fundamental a participación de voluntariado, que permite ofrecer un amplo abano de actividades tanto para maiores como para a rapazada da parroquia. Así, as persoas asistentes poden realizar tarefas de manualidades, pintura, ganchillo, xogos de mesa, lectura, puzzles, etc.
María Rodríguez, Presidenta da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias, amosábase ilusionada e agradecida por seguir a recibir apoio para o proxecto que “cambia a vida de tantas persoas que foron quen de dalo todo por nós na súa xuventude, e ás que agora nos toca devolverlles todo ese cariño”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, definiu o proxecto como “un proxecto pioneiro, exemplo do que pode conseguir a nosa sociedade cando traballa en conxunto”, e amosou o seu desexo de que este puidese ser un proxecto extrapolable ás demais parroquias de Salceda: “temos un tecido asociativo que nunca deixa de sorprendernos, neste caso con un proxecto que sen dúbida vén para quedarse, e para o que xa anunciamos que será prioritario o apoio do Concello”.