Salceda de Caselas | A Alcaldesa Loli Castiñeira, en presenza dos colectivos sociais e da veciñanza, inaugurou para o espazo público o Carreiro do Rollo, definido por ela mesma como un “espazo multixeracional onde estou segura que se van producir moitas conversas e moitos momentos de encontro”.
O Carreiro do Rollo efectivamente recolle esa combinación nun entorno no que se mestura a tradición e a modernidade, representadas dende un canastro ou un peche de pastas ata unha zona habilitada para cargar os móviles”. Lembrou a Alcaldesa que a recuperación da zona supón tamén a eliminación dun punto negro recollido no mapa que destes puntos elaborou a Concellaría de Igualdade xa fai uns anos.
“Que fermoso”, “que ben quedou”, “que cousa máis bonita” ou “non sabía que se lle podía sacar tanto partido a este espazo” foron só algunhas das expresións que se escoitaron a pasada noite en Salceda. A veciñanza acudiu á cita, e máis dun cento de persoas quixo arroupar ao grupo de goberno na inauguración dun novo espazo recuperado para as persoas.
O punto negro elimínase coa creación deste espazo aberto e iluminado, que deixa de ser unha zona escura e semiabandonada para converterse nunha nova pequena praza para a veciñanza. O Concelleiro de Mobilidade, Marcos Troncoso, realizou un percorrido histórico pola importancia do camiño, que entroncaba coa Vereda Real Tui-Salceda-Ponteareas, e que comunicaba tamén co Porriño polo barrio de Altamira. Coa apertura dos novos viais, o carreiro foi quedando en desuso, e nos últimos anos presentaba un aspecto demasiado deteriorado.
“O espazo hoxe presenta unha cara moito máis amable e fermosa, e ademais estamos ante unha obra que ven a recuperar parte da historia do noso Concello”, dixo o Concelleiro en referencia ao “rolo xurisdiccional” que todo apunta a que lle dá nome á actual rúa do Rollo e que estaría ubicado no entorno do Carreiro. Tamén os redactores do proxecto, Carlos Álvarez e Suso Varela (Mun Arquitectura) participaron no acto explicando a solución aportada para o carreiro, e lembrando que non só é unha solución estética, senon que viu a arranxar numerosos problemas de falla de saneamento, recollida de pluviais ou dotación de iluminación, entre outros.
O Equipo de Goberno quixo contar coa veciñanza da zona para a descuberta da placa conmemorativa, que quedou xa exposta no Carreiro coa frase “De lugar de axustizamento a espazo de liberdade. Un carreiro recuperado para todos e todas”.