Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas ven de iniciar o proceso de contratación da obra de urbanización do acceso ao novo Centro de Saúde, na rúa Mártires de Sobredo. Trátase dun procedemento negociado sen publicidade, para o que dende o Concello se convidou a participar a 11 empresas, das cales presentaron a súa oferta sete. A Xunta de Goberno Local acolleu a apertura dos sobres nesta primeira volta, dando así o pistoletazo de saída ao procedemento de contratación.
O proxecto, redactado polo arquitecto Santiago López Fontán, ascende a un total de 192.712,55€ ive incluído, financiados con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, e prevé un prazo de execución de catro meses. Ademáis da urbanización do acceso ao novo Centro de Saúde, esta obra suporá a creación dunha nova zona verde de 4.164, 67 m2 frente ao edificio.
O Concello de Salceda de Caselas segue así a dar cumprimento á súa parte, cumprindo co compromiso de executar as obras de urbanización agardando que ao mesmo tempo o SERGAS realice as obras de construción do novo edificio, que neste momento está no proceso de licitación. O SERGAS conta dende o pasado 20 de outubro coa licenza urbanística do Concello, polo que poderá empezar as obras en canto remate o proceso de licitación.
O novo edificio contará con unha superficie total de 1.321,11 m2, dividida en dúas plantas, aos que hai que sumar 168 m2 de espazos exteriores descubertos. A nova instalación albergará dúas consultas de pediatría, unha consulta de enfermería de pediatría, 5 consultas de medicina xeral con cadansúa consulta de enfermería anexa e unha consulta de matrona.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a cumprir os nosos compromisos con Salceda, e seguimos a facelo con transparencia e coas máximas garantías. Estamos ante un procedemento de gran importancia para Salceda, pois a rúa Mártires de Sobredo abre un novo espazo urbanístico que suporá a expansión do casco urbano de Salceda dun xeito organizado e ben planificado”