Salceda de Caselas | A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu a presentación do equipo “A Parranda”, formado por Marcos Ledo, Pablo Ojea, Maika Castiñeira e Marisa Lagos, que vai participar no Rally “Clasicos del Atlas” cos seus dous Seat Panda a vindeira semana por terras do Sur de Marrocos. O grupo A Parranda estivo acompañado por Loli Castiñeira e Tere Pérez, Concelleiras de Turismo e Benestar Social respectivamente, que quixeron trasladarlle todo o seu apoio en nome do Concello de Salceda.
O equipo a Parranda sairá na madrugada do venres rumbo ao porto de Tarifa, onde collerán o Ferry que os levará ata Tánxer onde pasarán os trámites aduaneiros. O rally solidario Atlas, con saída en Marrakech, desenrólase polo Sur de Marrocos, o Atlas, deserto de Erg Chebbi, etc. Percorren más de 5.000 km por montañas, pistas, deserto, dunas e paisaxes insólitas, buscando os pobos, aldeas e poboados nomadas máis perdidos do norte de Africa. O rally desenrólase dende o 25 ata o 31 de marzo, e durante o percorrido farán paradas polos pobos e poboados máis necesitados das zonas rurais onde é case imposible chegar, facendo entregas de roupa, xoguetes, material escolar e medicamentos.
Pablo e Marcos tiñan participado nunha competición co seu Panda por terras africanas no 2015, pero despois da experiencia preferiron facelo dun xeito máis solidario, polo que decidiron preparar outro Panda máis para poder levar material. O material solidario que levan entregarano en colexios, pero tamén teñen a liberdade de entregar material directamente ás persoas que vexan que máis o precisan en calquera punto do percorrido, centrándose en nenos/as, mulleres embarazadas…
A condición para participar na proba é facelo con vehículos de máis de 25 anos. Trátase dun rally onde a orientación complícase pola falta de puntos de referencia, e no que o papel dos/das copilotaos/as se concverte en fundamental. A proba destaca pola súa vertente solidaria, tanto coa poboación de Marrocos como entre os mesmos participantes, que se axudan entre eles para poder superar as etapas cada día.
O equipo quixo aproveitar para agradecer a colaboración que recibiron de familia e amigos, que fixo imposible acoller todo o material que lles fixeron chegar por falta de espazo nos dous vehículos, pero que lles demostrou a enorme solidariedade da xente ante iniciativas coma esta. Esta solidariedade fíxolles incluso valorar a posibilidade de engadirlle remolques aos Pandas, pero tiveron que descartalo pola imposibilidade de transitar con eles por determinadas rutas. Así mesmo, agradeceron a participación de JUSAPOL (Pola xustiza salarial dos diferentes Corpos de Policía), encargados de facilitarlles os medicamentos que levarán para entregar en Marrocos.