Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas ven de adquirir unha biotrituradora con remolque modelo Forst B&S Gasolina 3, ao abeiro das bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Ditas axudas financiaron o 90% do custo da maquinaria adquirida.
O obxectivo fundamental da adquisición deste tipo de maquinaria é fomentar a correcta xestión dos restos de poda para evitar as malas prácticas de depósito de restos vexetais nos contedores de residuos orgánicos. Doutro lado este proceso de tratamento dos restos de poda, reduce o número de queimas que a veciñanza ten que realizar periodicamente cos restos que xera.
O concello de Salceda establecerá o punto principal de acopio e recollida de restos de poda para o seu tratamento no seu punto verde “Salceda Separa”.
O resultado deste proceso ademais resulta beneficioso porque a biotrituración xera o estruturante necesario que pode ser utilizado para a xeración de compos, tanto nos composteiros comunitarios como nos individuais que a concellería de Medio Ambiente repartirá nos próximos días.
A combinación destas accións ten como finalidade dar os primeiros pasos para acadar o maior nivel de sostibilidade posible no concello de Salceda de Caselas.
Rubén González Coto, concelleiro de Medio Ambiente: “Coa posta en marcha destas accións estamos tratando de planificar dende o concello un sistema de xestión de residuos orgánicos e biorresiduos que cada vez sexa máis eficiente”. Verónica Tourón, alcaldesa: “É moi importante para o noso concello, aportar á nosa veciñanza todas as ferramentas posibles para que realicen a correcta xestión de todo tipo de residuos. So así conseguiremos que Salceda sexa máis verde e máis sostible.