Salceda de Caselas | O goberno local de Salceda de Caselas leva traballado dende hai semanas na licitación da obra de Saneamento de Entenza co fin de adxudicar canto antes os traballos e á agarda de recibir a confirmación do financiamento para esta obra municipal.
O pasado martes, o organismo provincial comunicou oficialmente a concesión de 700.000 euros, que supón a contía principal desta obra que alcanza os 875.000 euros, e dos cales 175.000 son achegados polo Concello tamén a través dun Plan da Deputación de Pontevedra.
A obra será executada polo Concello ao ser unha prioridade do Goberno Local no actual mandato. Esta obra marca o cumprimento dunha débeda histórica con esta parroquia e suporá que entorno a 120 vivendas poidan por fin contar con saneamento. Ademais, o goberno local xa traballa en incrementar algunhas zonas da parroquia dando posibilidade ás empresas que se presenten ao concurso a que ofrezan melloras que supoñan o incremento de obra, para abarcar tramos que quedaron fóra do proxecto inicial.
Para a alcaldesa Loli Castiñeira e tamén responsable de vías e obras é prioritario que o saneamento de Entenza chegue ao maior número de fogares independentemente se eran contemplados no proxecto técnico inicial: “Unha das nosas prioridades é o saneamento das zonas de Salceda que aínda non o posúen e por esa razón optamos por aproveitar o Plan Extra da Deputación para esta obra, fronte a moitas outras necesidades ás que podiamos optar, entre elas urbanizacións, humanizacións, infraestruturas deportivas… A responsabilidade dun goberno é marcar prioridades e para nós tanto o medio ambiente como a dotación de servizos básicos para o asentamento da poboación nas parroquias é vital. Por iso é polo que neste mandato apostamos fortemente polo saneamento, sen prexuízo doutras necesidades”.
Neste sentido, a alcaldesa avanzou que o goberno local traballa en varias direccións “e estamos a chamar a moitas portas para buscar financiamento”. Así asegura que está practicamente pechado o saneamento de Cerquido coa Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, que suporá un investimento similar ao de Entenza.
A concesión da achega da Deputación ao Concello de Salceda para o Saneamento de Entenza foi tomada no Pleno do pasado venres día 7. Previamente á concesión, o Concello tivo que presentar o proxecto técnico que foi igualmente presentado á veciñanza.
A alcaldesa agradece a rapidez nos traballos técnicos da empresa redactora do proxecto e agradece á veciñanza a comprensión e bo trato na reunión no que foi plantexado. Así mesmo, agradece o opoio económico da Deputación para esta obra.