Salceda recibe máis de 400.000€ para un novo obradoiro de emprego

Servirá para formar a vinte persoas durante nove meses

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir a comunicación da concesión dun novo obradoiro dual de emprego para desenvolver entre decembro de 2024 a setembro de 2025. Neste caso serán vinte as persoas que formen parte como alumnado traballador, distribuídos nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira.

Durante os meses de funcionamento do obradoiro, ademais de recibir formación teórica, o alumnado traballador levará a cabo tarefas de recuperación e posta en valor dos canastros da Arrotea (A Picoña), os lavadoiros de Fontán (Parderrubias) e da Costa da Prata (Entenza), a Fonte do Rial (A Picoña) e o Pozo da Feira (Santa María). Ademais tamén se levarán a cabo tarefas de recuperación dos valados e paneis das diferentes sendas existentes no municipio.

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, amosou a súa satisfacción por esta boa nova “que ademais de ser unha excelente oportunidade para vinte persoas, vai supoñer tamén importantes melloras no noso patrimonio”. O equipo de goberno apostou nesta ocasión pola recuperación e posta en valor de diferentes recursos patrimoniais e naturais do Concello, presentando proxectos que se axustasen ás características do obradoiro e que puidesen ser efectivamente realizados por parte do alumnado traballador, sempre baixo a dirección do persoal docente e técnico pertinente.

O obradoiro que agora se concede botará a andar unha vez rematado o que nestes momentos está vixente no Concello de Salceda, onde outras vinte persoas se están a formar nos campos da albanelería e da carpintería, desenvolvendo diferentes proxectos para a veciñanza de Salceda.