Salceda de Caselas | Salceda de Caselas mantense ata o de agora con un único positivo entre as cartillas do seu centro de saúde. Cada dous días reúnese o comité de seguemento do COVID 19, presidido pola alcaldesa, con participación da concelleira de sanidade, o portavoz da oposición e a xefa de servizo do centro de saúde, no que se actualizan os datos da área sanitaria de Vigo e no que se establecen as medidas precisas a tomar por prevención, así como o protocolo de actuación cando xurde algún positivo no municipio.
No comité dase conta tamén dos protocolos que se están a seguir con aquelas persoas que dalgún xeito puidesen estar en contacto co coronavirus, ás que se lles fai seguemento telefónico por se nalgún momento aparecese algún síntoma.
Tanto os servizos sanitarios como a propia alcaldesa están tamén en contacto coas dúas residencias de maiores existentes no municipio, que se amosan tranquilas ata o de agora. Centro de saúde e Concello téñense posto á súa disposición para que a colaboración sexa máxima no que sen dúbida é o sector da poboación de maior risco.
O Concello de Salceda foi dos primeiros de toda a área en tomar decisións como a da propia creación do comité de seguemento ou a realización de xuntanzas de coordinación coas forzas de seguridade dende o primeiro momento. A coordinación coa garda civil está a ser tamén fundamental no seguemento do cumprimento das normas do estado de alarma que salvo excepcións, que xa teñen sido postas en coñecemento das autoridades, se está a respetar pola maioría da poboación de Salceda.
A propia alcaldesa difundiu una mensaxe por vídeo a través das redes sociais oficiais do Concello, na que pedía responsabilidade á veciñanza, e na que agradecía os servizos tanto do persoal médico como das forzas de seguridade e protección civil, sectores que están a resultar fundamentais nesta crise, e que cada día poñen en xogo a súa saúde por protexer á totalidade da veciñanza.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “queremos trasmitir una mensaxe de tranquilidade á poboación. As diferentes entidades con presenza no municipio estamos a facer un traballo importante por minimizar a presenza de coronavirus no noso Concello, e estamos coordinadas para afrontar os posibles casos que poidan producirse. Hoxe celebramos o sexto comité de seguemento, no que os datos aportados seguen a ser esperanzadores para o noso municipio, pero a poboación pode estar segura de que non baixaremos a garda”.