Salceda de Caselas | Mediante comunicado formulado “por consensos” e cumprindo co pacto político establecido tralas pasadas eleccións municipais de maio de 2019, a ata agora alcaldesa Loli Castiñeiras (Movemento Salceda) fixo o correspondente traspaso de poder municipal á nova alcaldesa Verónica Tourón (PSdG), quen deberá rexer os destinos da Corporación Municipal ata os próximos comicios de 2023.
Castiñeiras asumiu o poder municipal o 15 de xuño de 2019. No equipo de goberno de coalición, Movemento Salceda mantén as súas catro concellerías e por tres do PSdG.
Durante a lectura do comunicado, na que se explicou o acordo de goberno de coalición pactado entre Movemento Salceda e o PSdG en 2019 que estipulaba este traspaso de poder no ecuador do seu mandato, Castiñeiras salientou que este equipo de goberno é un “movemento forte, de maioría, un proxecto compartido entre ámbalas dúas formacións políticas”. Indicou que “o acordo está pensado para catro anos” e para “a mellora da vida da nosa veciñanza”.
“Salceda seguirá a ser unha vila de esquerdas e progresista. Somos xente de palabra e aquí estamos cumprindo con esa palabra. Un proxecto común e de esquerdas, con traballo en equipo que conforma a maioría absoluta na Corporación”
Así, “Salceda seguirá a ser unha vila de esquerdas e progresista. Somos xente de palabra e aquí estamos cumprindo con esa palabra. Un proxecto común e de esquerdas, con traballo en equipo que conforma a maioría absoluta na Corporación”, destacou Castiñeiras.
Continuidade do goberno
A alcaldesa saínte reforzou o carácter de continuidade do plan de goberno municipal destacando que “seguimos avanzando en proxectos comúns, como “o primeiro convenio para o persoal e o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable”, así como apostarán polo remate das obras do Centro de Saúde, a humanización urbana, o centro terapéutico e a ampliación do IES Pedras Rubias.
“Loli Castiñeiras anunciou que levará agora a responsabilidade de Vías e Obras”
No referente á nova composición do goberno nas respectivas áreas municipais, Loli Castiñeiras anunciou que levará agora a responsabilidade de Vías e Obras, unha área “non moi habitual para mulleres, pero a min gústanme os retos”, non sen antes felicitar ao concelleiro Miguel González González pola súa xestión nesta área, conservando agora as de Mobilidade, Parque e Xardíns e Servizos Municipais.
Pola súa banda, a nova alcaldesa Verónica Tourón anunciou que o PSdG continuará coas mesmas áreas de goberno. A nova alcaldesa seguirá tamén coas áreas de Urbanismo, Participación Veciñal, Comercio e Emprego, e apostou por “seguir traballando con Loli en Vías e Obras”.
En canto ao balance da xestión municipal, Castiñeiras destacou que foi “positivo en tódolos xeitos e relacións persoais” e que se ben “somos partidos políticos e ideoloxías diferentes” tamén “dimos exemplo como equipo” xa que “as discrepancias foron escasas”.
Salientou tamén o “apoio mutuo” nun ano tan complexo determinado pola pandemia da COVID 19, destacando avances como “o Comité Sanitario e o Comité Educativo”, toda vez no combate da pandemia agradeceu “o apoio de tódolos colectivos”, en especial a “lealdade do PP” polo seu apoio para saír adiante con esta pandemia. “O PP de Salceda estivo á altura” declarou a alcaldesa saínte.
Pola súa banda, Verónica Tourón destacou que o equipo municipal estivo “cohesionado desde o primeiro momento”, toda vez recoñeceu que cando chegaron ao poder municipal en maio de 2019 obviamente “nunca esperábamos ter que xestionar unha pandemia”. Neste sentido, destacou que “fumos un exemplo de democracia e de ser capaces de chegar a acordos”.
“Verónica Tourón destacou que o equipo municipal estivo ‘cohesionado desde o primeiro momento”
En canto ao orzamento municipal, tanto Castiñeiras como Tourón salientaron o feito de que o equipo de goberno “foi capaz de aprobar 3 orzamentos municipais en dous anos”, un feito que evidencia a “eficacia deste goberno de coalición” para aprobar “orzamentos participativos, transversais en todas as áreas, primando naquelas áreas mais necesarias” para a veciñanza de Salceda de Caselas.