Salceda terá a súa ruta enogastronómica

Tras asinar convenio de colaboración coa GDR Terra e Auga

Salceda de Caselas | O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga e o Concello de Salceda de Caselas firmaron un convenio de colaboración para levar a cabo unha ruta enogastronómica neste Concello.

A actuación consistirá na creación dun roteiro peonil que conecte o núcleo urbano co o Pazo de Pegullal, un espazo relevante e singular da oferta gastronómica de Salceda que, ademais dunha arquitectura italianizante que nos traslada ao Véneto, é un lugar que actualmente ofrece visitas guiadas con catas de albariños e aceites.

No seu tramo urbano, o roteiro discorrerá por espazos de referencia gastronómicos, como os arredores do matadoiro, do mercadillo semanal que se celebra os mércores ou o espazo vinculado á celebración da Festa dos Callos (candidata a ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia). No seu tramo rural, discurrirá por escenarios rurais salpicados de arquitectura popular e elementos etnográficos.

Para iso, levarase a cabo a sinalización do roteiro e a realización de obras de acondicionamento nos tramos que resulte necesario.

O obxectivo desta actuación é, en primeiro lugar, crear sinerxias entre dous produtos turísticos que mostraron bos resultados en Salceda de Caselas, o sendeirismo e o turismo enogastronómico, creando así experiencias turísticas únicas.

Para o impulso e promoción desta ruta, organizaranse diferentes actividades específicas, como andainas, visitas guiadas ou temátizadas, e outras actividades dirixidas a veciños e visitantes. As actividades organizaranse en diferentes épocas do ano e estarán asociadas a produtos de tempada, así como ao calendario de festas de Salceda, xa que é un dos núcleos con maiores dinámicas poblacionais do xeodestino.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, destacou que “é un proxecto turístico que pon en valor o potencial do noso territorio e que o fai a través dun roteiro que mostra as nosas sendas, hostelería, gastronomía, patrimonio e os nosos coñecidos callos e viño de Pegullal. Temos a certeza de que traballar de maneira grupal fará que a nosa comarca sexa máis atractiva, un lugar onde querer vivir, traballar e desfrutar”.

Pola súa parte, o presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, detallou que “Salceda, porta de entrada ao xeodestino, leva anos ofrecendo á veciñanza e visitantes unha rede de sendeiros moi atractiva que se enriquecerá con esta ruta urbano-rural, que porá en valor a súa tradición gastronómica e será un elemento máis para que a Festa dos Callos sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia”.

Esta actuación, na que se investirán un total de 95.000€, forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística no Destino Condado Paradanta Destino Enogastronómico proposto pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado de Paradanta, concretamente no ‘Eixo 2: Mellora da eficiencia enerxética’, no marco do Plan de Recuperación, Transformción e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.