Salceda de Caselas | A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación do Entroido 2023, un ano no que se recuperan os actos tradicionais e máis importantes da celebración, logo de dous anos marcados pola COVID19.
A presentación contou coa presenza de Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, e Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, acompañados de representantes de ámbolos dous barrios (Raquel Rodríguez e Melucha Vázquez pola Feira e Rocío Troncoso e Andrea polo Barreiro), que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixonante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos ou intereses.
O Entroido 2023 recupera os tres desfiles. O venres 17, o desfile infantil protagonizado polos centros escolares voltará encher de ledicia e cor as rúas do casco urbano de Salceda, dende os máis cativos e cativas das Escolas Infantís ata o alumnado da ESO e bacharelato do IES Pedras Rubias.
O domingo 19 chegará a hora do desfile organizado dende a Concellería de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, na que ven sendo xa a súa vixésimo cuarta edición, que contará este ano con 9 agrupacións e máis de 1.200 persoas participando, nun día no que todo apunta a que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido. E xa o derradeiro desfile será o martes, onde o centenario enfrontamento entre o Castro Barreiro e a Feira se citarán na Praza do Concello para amosar as súas carrozas e comparsas, unha cita que se leva celebrando cando menos dende hai 135 anos.
Dende o ano 2018 a Feira ven representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas. Este ano, serán tres as ubicacións onde actuará o Rancho, no Parque Raíña Aragonta, na Praza da Devesa, e na Praza do Concello.
Ademais, contará tamén coa participación do Rancho Infantil de Entroido, asegurando así a continuación desta mostra de Patrimonio Inmaterial. O Entroido son unhas datas nas que Salceda de Caselas recibirá a visita de milleiros de persoas para presenciar os diferentes actos e desfiles. Como novidade este ano, retransmitiranse por Youtube os desfiles de Domingo e Martes, así como a actuación do Rancho de Entroido da Feira.