Salvaterra | A conselleira Ángeles Vázquez e a rexedora municipal Marta Valcárcel asinaron esta mañá un convenio para cofinanciar as obras, cun custo estimado en máis de 340.000 euros que asumirán a Xunta nun 70% e o Goberno local no 30%
A Xunta de Galicia e o Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra) colaborarán técnica e economicamente na rehabilitación interior da antiga casa consistorial, ubicada no Recinto Amurallado, para convertela na nova biblioteca pública municipal. Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora municipal, Marta Valcárcel, coa sinatura dun convenio de colaboración en virtude do cal ambas partes se comprometen a cofinanciar as obras necesarias para rehabilitar o inmoble e destinalo a novos usos públicos.
Os traballos terán un custo total estimado de 342.478,99 euros, dos cales a Xunta comprométese a achegar o 70% e o Concello de Salvaterra, o 30% restante, que se financiará con fondos propios e a través do Plan Concellos. O convenio, de carácter plurianual, permanecerá vixente ata o 31 de decembro de 2021, de xeito que ambas partes farán efectivas as súas achegas este ano e o vindeiro.
A rehabilitación interior do antigo edificio do Concello de Salvaterra permitirá completar e continuar os traballos contratados o ano pasado polo Goberno municipal para acondicionar externamente o inmoble que consistiron no cambio de tellado, fiestras e portas exteriores.
Unha obra esencial para o equipo de goberno que busca mellorar as instalación e a oferta para os seus estudantes, non nos podemos esquecer que Salvaterra de Miño é un dos poucos Concellos que medra. En palabras da Alcaldesa esta é unha obra esencial dentro do seu programa de traballo nestes catro anos, xa que é esencial mellorar a oferta e incrementala, os nosos servicios teñen que evolucionar en paralelo ao crecemento do propio Concello.