Salvaterra de Miño | O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Salvaterra de Miño para mellorar o sistema de saneamento municipal coa execución dunha depuradora e a conclusión da rede de colectores na bacía do río Mendo, que suporán un investimento de 2 M€.
O obxectivo é rematar o saneamento integral das parroquias de Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder, na bacía do río Mendo, completando a rede de colectores e construíndo unha nova depuradora de augas residuais.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financiará o 80 % da actuación, achegando 1,8 M€, e o Concello porá o investimento restante, é dicir, 200.000 €.
As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.
No que se refire ás obrigas, a Xunta realizará a tramitación e a execución das obras, que terán un prazo de 18 meses.
Unha vez asinado o citado convenio, procederase á licitación das obras para que poidan estar en execución no segundo semestre de 2024.