Salvaterra de Miño | Mañá venres 23 de agosto da comezo ás 20:00 horas a LXV Festa do Viño do Condado do Tea co tradicional acto de inauguración. Así, a festa Declarada de Interese Turístico de Galicia, cumpre 65 anos con importantes novidades.
En primeiro lugar e debido a gran afluencia de público que se rexistrou nas últimas edicións, o recinto da festa amplíase a toda a Muralla contando con espazo de mesas e sombrillas ademais dde máis postos de comida e adegas e un segundo escenario tamén na Praza do Castelo. Deste xeito, o público poderá desfrutar comodamente en calquera dos dous espazos da música, gastronomía e viños nun entorno inigualable.
A Festa do Viño do Condado do Tea, a segunda máis antiga de Galicia, manifesta tamén un incremento de adegas, cun total de 27, que terán un posto na festa para que o público poida degustar os seus caldos Outro xeito de coñecelos son as actividades programadas: as Catas Comentadas e o Túnel do Viño. As catas rematan este venres 23 de agosto, o día que comeza o Túnel do Viño. O Túnel, dentro do Museo da Ciencia do Viño, este ano contará con máis de 70 viños que o público poderá degustar por tan só 15 euros. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.
Este ano o pregoeiro será Sergio Pazos. O actor, cómico, presentador e reporteiro dará lectura ó pregón o domingo ás 13:00h no recinto amurallado, será despois do acto que dará a coñecer ós viños deliciosos do ano e a actuación dos grupos folclóricos e bandas de gaitas de Salvaterra de Miño.