Salvaterra de Miño | É no ano 991 cando atopamos o primeiro documento escrito que fai referencia a Salvaterra de Miño, o que a converte nunha auténtica Vila Milenaria. Neste texto o monarca Vermudo II asinaba, un 24 de maio do ano 991, un documento no que lle cedía á igrexa compostelá e ao seu bispo D. Pedro Martínez de Mosoncio, a vila de “Lacedorium” ( que foi o nome orixinario do pobo). Esta vinculación entre Salvaterra e a igrexa compostelá manteríase durante un longo período, ata ben entrado o século XIX, durante o cal, os veciños e veciñas pagaron o diezmo á sede santiaguesa.
Tras este episodio, son moitos os documentos nos que se fai referencia ao nome da vila, que progresivamente iría modificándose de Lacedorium a Lazoiro. A última mención ao topónimo de Lazoiro aparece no documento de anulación dos foros da cidade de Tui, realizado polo rei Fernando II en 1170. Sería en tempos de Alfonso IX, que ascendeu ao trono en 1188, cando a vila recibiría o seu topónimo actual, Salvaterra de Miño. Algunhas teorías apuntan a que este topónimo pode derivar do característico recinto amurallado, cuxa finalidade non era outra que “salvar” o pobo das invasión portuguesas, o que daría lugar ao nome de Salvaterra.
Dentro deste contexto o Concello realizará diversos actos conmemorativos o próximo 24 de maio, día declarado polo Pleno da Corporación como Festivo Local, pero sen dúbida centrarán o seu esforzo na participación dos nenos e nenas do Municipio, a través do I Certame Artístico “Salvaterra Milenaria” para que nos trasladen a súa visión, a través das diferentes categorías, do que sería a nosa Vila nese intre da historia. Segundo a Tenente de Alcalde, Marta Valcárcel Gómez, “o obxectivo deste certame é que @s alumn@s dos Centros de Ensino do Concello nos ofrezan a súa visión do pasado da nosa Vila, ao tempo que se fomenta a súa imaxinación e creatividade, así como a participación nas actividades culturais do Concello”. Para elo estableceranse diferentes categorías, atendendo tanto a disciplina utilizada como a idade d@s participantes. O xurado estará composto por persoal docente dos centros escolares e do propio Concello.
Así @s nen@s de Infantil participaran dentro da categoría de debuxo, @s de primaria e secundaria en manualidades e bacharelato en relato curto. Todas as categorías estarán premiadas con 3 premios, de 100, 75 e 50 €, para gastar en material escolar, informático, deporte ou vestimenta para @s gañador@s.
Todos os traballos serán expostos na web do Concello e nas Covas de dona Urraca o día 24 de maio, día no que se fará tamén entrega dos premios, dentro dos actos conmemorativos que ofrecerá o recinto amurallado aos seus visitantes durante a festividade local.