Salvaterra do Miño| Os colexios de Salvaterra de Miño participan no proxecto Prevención da Violencia de Xénero en Educación, a través do Concello e subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
O Concello considera que é un programa moi importante para os nosos pequenos. O obxectivo do mesmo é favorecer as relacións de xénero saudables, baseadas na igualdade, no respecto mutuo e na liberdade individual; anticiparse ao establecemento das relacións asimétricas entre o home e a muller que supoñan o sustento da violencia de xénero nas súas distintas modalidades, ademais de apoiar ao profesorado na educación emocional do alumnado.
O programa vai dirixido ao alumnado e profesorado de 3º e 4º de primaria do CEIP Infante Felipe, CEIP de Leirado e CEP Carlos Casares, o número aproximado de participantes será de 215.
Todas as actividades serán presentadas e programadas xunto cos centros educativos durante o mes de novembro, uns de forma presencial e outros de forma online. No CEIP Infante Felipe as xornadas serán a semana do 2 ao 6 de novembro, xoves e venres, a semana do 9 ao 13 de novembro, xoves e venres, e a semana do 16 ao 20 de novembro, xoves e venres ; o CEP Carlos Casares os mércores 11, 18 e o xoves 26 de novembro. Sesións de 09:40 a 10:30 e de 10:30 a 11:20; e por último CEIP leirado (online) martes 3, 10 e 17 de novembro de 10:00 a 10:50 con terceiro e de 10:50 a 11:40 con cuarto.
Ademais este programa inclúe como novidade a elaboración dun vídeo onde se mostrarán esas accións e obxectivos a cumprir, que se irá elaborando de aquí a finais de curso.
Con iniciativas como estas o Concello pretende que os nosos nenos obteñan unha educación baseada na integración, igualdade e respecto.