Salvaterra de Miño | A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e a concelleira de Cultura, Lorena Soto, mantiveron unha reunión co equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela logo da firma do convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade.
O equipo multidisciplinar formado polos grupos de investigación HISTAGRA, AEVUM (ambos adscritos ao CISPAC), o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro e o Instituto de Medicina Legal de Galicia, comezarán o próximo 11 de novembro de 2024, os traballos de exhumación previstos na fosa do cemiterio de San Miguel de Cabreira, Salvaterra de Miño.
A investigación histórica previa, elaborada dende o grupo HISTAGRA, coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e outros investigadores locais, apunta o enterramento de cinco persoas, nun principio, descoñecidas, na fosa de Cabreira, tras ser paseados o 18 de outubro de 1936. A hipótese de identificación coa que se traballa sinala que alí poden estar enterrados os restos de cinco veciños de Moaña. Actualmente, dúas fillas de avanzada idade demandan a intervención para poder recuperar os restos dos seus pais.
Samaín na Biblioteca Municipal
Dende a Biblioteca Municipal de Salvaterra de Miño e con motivo da celebración do Samaín, levaranse a cabo dúas actividades, unha dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos e outra de 7 a 12 anos.
A primeira “Crea a túa historia de Samaín” para os máis maiores será o 30 de outubro ás 16:30 horas e a segunda un “Obradoiro de creación de máscaras” o 31 de outubro ás 10:30 horas. As inscricións realizaranse a través do correo biblioteca@concellodesalvaterra.org ou na propia Biblioteca Municipal.
Esta é unha das datas máis esperadas do calendario para pequenos e maiores: e novamente o Concello de Salvaterra de Miño aposta por actividades que na edición pasada foron un éxito. Igualmente, apóstase polo Roteiro Nocturno de Samaín que será a noite do 31 de outubro e no que xa están as incricións abertas a través da web www.barafundaanimacion.com/Roteiros/salvaterra