Salvaterra de Miño | A veciña da Parroquia de Leirado, Mónica Cabaleiro Álvarez, volve a abraiarnos de novo co seu último traballo.
“VIDA”, así se chama este quebracabezas de 24.000 pezas que esta Salvaterrense rematou no mes de decembro, logo de 6 meses no que compaxinou o seu traballo co seu pasatempo favorito, ainda que como di ela, “estiven de vacacións e tamén facendo vida social, non todo na vida é adicarse aos quebracabezas…”.
Mónica descubriu esta paixón durante a Pandemia, onde se enganchou de tal xeito que chegou a facer un dos quebracabezas máis grandes do mundo, cun total de 32.600 pezas, e que ten como nome “VIDA SALVAXE”.
Tanto un coma o outro poden contemplarse nunha das aulas do Parque da Canuda, xa que a nosa veciña os cedeu temporalmente para facer as ledicias de quen o desexe, especialmente dos máis cativos, quenes mostran sempre un gran interese por este tipo de pasatempos.
Esta grande arquitecta das “ilusións quebradas” non descansa, e xa podemos adiantar que comezou un novo reto de locura, cunha estampa de 42.000 pezas no que seguro que a paciencia e a constancia serán uns elementos claves durante o proceso.
Dende o Concello queremos trasladarlle os nosos parabéns a Mónica, ademais de mostrarlle a nosa gratitude por compartir o seu traballo con nós, ao mesmo tempo que lle mandamos moitos folgos para que poida rematar e compartir esta obra tan complexa.