Salvaterra de Miño | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no Pazo Provincial á alcaldesa de Salvaterra do Miño, Marta Valcárcel, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 430.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto para humanización a contorna da rúa da Forca e da Avenida Rosalía de Castro.
O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, arredor dun 110.000 euros. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dun novo exemplo de cooperación leal entre institucións para facer que a provincia vaia a máis en espazos urbanos de calidade, en fomento da mobilidade peonil e en mellores servizos para a veciñanza.
A obra, valorada en máis de 540.000 euros, servirá para a recuperación do espazo para uso peonil destas dúas céntricas rúas, que ata agora están sendo empregadas polos condutores como atallo para entrar ou saír de Salvaterra. A obra consistirá na ampliación de beirarrúas e redución do carril de circulación na Avenida Rosalía de Castro, mentres que na rúa Forca crearase unha plataforma de prioridade peonil na que os vehículos só terán acceso aos garaxes.
Ao mesmo tempo, renovarase a iluminación con tecnoloxía LED, a rede de abastecemento e saneamento, ademais de executar o soterramento das liñas de telecomunicacións e eléctricas, así como instalar novos elementos de mobiliario urbano en todo o ámbito.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Salvaterra realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.
O presidente da Deputación aproveitou a visita da rexedora de Salvaterra para resaltar a importancia deste tipo de proxectos que serven para avanzar no municipalismo que persegue a Deputación, transformando espazos para dar prioridade ás persoas e avanzando no aforro enerxético e o coidado do medio ambiente.