Salvaterra de Miño | Salvaterra de Miño inicia as obras de cambio a led en todas as parroquias do municipio, despois de conseguir unha subvención para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (PROGRAMA DUS 5000), no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, por un importe de 2.143.944,25€.
Estas obras teñen como obxectivo a mellora da eficiencia enerxética do Concello a través da automatización das redes existentes de alumeado exterior, a integración de infraestruturas para mellorar a eficiencia enerxética e a sostenibilidade e a reforma das instalacións de alumeado exterior por tecnoloxía máis eficiente, incluíndo telexestión.
As actuacións contempladas pretenden cambiar a iluminación convencional por luminarias LED así como renovar a infraestrutura asociada, estimando uns aforros do 55% de potencia no servizo de alumeado público exterior.
A actuación que acaba de arrancar na parroquia de Uma, prevé actuacións nos 76 cadros de mando, a instalación de 4.996 puntos de luz de led, o cambio de redes eléctricas danadas, cambio de soportes de brazos e tomas de terra. Contemplándose tamén a unificación de todos os puntos, a mellora de iluminación nos campos de fútbol do Casal e do Oural, pistas deportivas e elementos patrimoniais do municipio. Conseguindo a través destas actuacións un aforro de emisións de CO2 (teqC=2) de 612,78, ademáis dunha mellor calidade lumínica e por conseguinte unha mellora na seguridade viaria e peonil.