Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño destina preto de 50.000 euros a través da subvención do Fondo de Cooperación Local para investimentos destinados á modernización e á mellora das redes de abastecemento municipal.
Esta actuación ven marcada dentro da Auditoría Municipal do Abastecemento e o Plan de actuacións para minimizar as perdas de auga aprobado en novembro do ano 2022. Como parte fundamental desta auditoría, tendo en conta os datos obtidos da análise do sistema de abastecemento e dos indicadores de eficiencia na rede de abastecemento, deseñouse un Plan de actuación de cara a minimizar as perdas de auga no sistema.
Este plan desenvolve unha orientación da inversión necesaria para cada unha das actuacións propostas, así como unha programación temporal nos catro anos seguintes á aprobación do Plan de Actuación polo concello.
Con esta actuación de implantación de contadores intelixentes nos puntos de subministro, acción enmarcada dentro do Plan de actuación, conseguiuse cambiar 150 contadores, entre as parroquias de Lourido, Soutolobre e Corzáns. Un total de 150 contadores electrónicos con módulo de comunicación que permitirán facer unha lectura diaria, co fin de dispor de volumes consumidos polos usuarios de maneira diaria e automática, facendo o sistema máis eficiente.