Salvaterra mellorará as instalacións deportivas da Canuda

A través do plan de infraestruturas da Deputación de Pontevedra

Salvaterra de Miño | O Concello ven de presentar a través do II Plan de Infraestruturas deportivas un proxecto de máis de 139.000 euros, co fin de seguir mellorando os equipamentos deportivos do municipio, actuando na pista polideportiva para fútbol sala e baloncesto, nas pistas de tenis e na zona de Skate Park.

Realizarase unha mellora nos pavimentos existentes nas tres áreas, que se atopan en mal estado de conservación ou obsoletos, actuando no céspede artificial da pista polideportiva, que xa non se atopa en estado adecuado para a realización da actividade deportiva, reparando e acondicionando a superficie subxacente.

O pavimento poroso das pistas de tenis tamén se atopa bastante deteriorado nalgunhas zonas e observase que tanto as cores como as liñas están bastante danadas polas inclemencias do tempo, polo que se procederá a súa reparación e posterior pintado e marcaxe.

Así mesmo, tanto o pavimento de formigón como as xuntas de dilatación da zona de Skate Park atópanse danados e demasiado rugosos, polo que se reparará e pintará toda a superficie e se substituirán elementos para modernizala. Con este proxecto preténdese a mellora da conservación e a modernización das instalacións do Paque Público A Canuda.

O Concello de Salvaterra de Miño, que conta cunha poboación de preto de 11.000 habitantes e é un dos que máis crece, segue apostanto por mellorar as súas infraestructuras deportivas para ofrecer mellores servizos aos seus veciños e veciñas. Nestes meses estanse a executar obras de mellora nas instalacións deportivas do Casal e no Campo de Fútbol do Oural en Fornelos, e proximamente realizaranse as obras de modernización e eficiencia no Campo de Fútbol Antonio Bernárdez Gándara – Dextros.

Actuacións que se suman a xa executadas como foron as obras de construción da pista deportiva en Soutolobre e as obras de eficiencia enerxética no Pavillón Cándido Carrera. En total unha inversión de preto de 1.000.000 euros na mellora das Infraestruturas Deportivas do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.