Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño, o equipo directivo do Obradoiro de Emprego “Salvaterra Emprega II” e a Comunidade de Montes de Pesqueiras reúnense para seguir avanzando no plan de traballo de posta en valor do parque forestal Monte Castelo.
Dentro das diferentes liñas de acción do Obradoiro de emprego e do convenio asinado entre o Concello e a Comunidade de Montes co fin de seguir mellorando o patrimonio municipal e reforzar un recurso turístico moi importante para Salvaterra como é o Monte Castelo, realizouse a primeira reunión de traballo para definir as liñas de actuación nos próximos meses.
Os alumnos e alumnas do Obradoiro realizarán labores de preparación do terreo para a plantación de 100 frondosas autóctonas o día da árbore, a selección de rebrotes de castiñeiro e carballo afectados polos lumes de 2017, iniciaran os traballos de eliminación das árbores invasoras presentes no parque forestal, maioritariamente Acacia negra (Acacia melonoxylon) e Pau espiño (Robinia pseudoacacia).
Realizarán tarefas de clareo e saneamento de Eucaliptos para diminuír o risco de incendios, poda alta das árbores que afectan o tránsito pola estrada, apeo e derribo das árbores mortas, enferma ou con perigo de caída, acondicionamento da contorna da capela e a poda sanitaria do carballo da Capela.