Salvaterra de Miño | Dentro da liña de traballo que se ven realizando de posta en valor do patrimonio histórico cultural, e despois da restauración do cruceiro de Vilacoba, o da Igrexa de Leirado, Cimadevila en Fornelos, o muiño en Alxén, neste momento o Concello de Salvaterra de Miño encóntrase rematando a intervención sobre o peto de ánimas e o Cruceiro de San Roque de Cabreira, para posteriormente empezar coa restauración do palco de música de Leirado.
O cruceiro e o peto de ánimas tallados en pedra datan de finais do século XVIII e encontrábanse un estado de conservación medio, debido tamén en gran medida aos danos ocasionados no ano 2015 cando tentaron roubar a imaxe da Inmaculada que ía apoiada no fuste da columna, sobre un capitel.
Esta peza atópase nun lugar con un alto valor etnográfico, xa que na contorna encóntrase a Capela de San Roque e o palco da música. Está realizado totalmente en roca granítica e presenta como cimentos tres escalóns. Na placa de mármol situada na súa base pódese ler a seguinte inscrición:
“TU QUE PASA MIRAME
TODO CUBIERTO DE LLAGAS
HAY HIJO QUE MAL ME PAGAS
LA SANGRE QUE DERRAME
MAS ESPERA Y TE DIRE
PUES QUE TANTO PADECI
SI LO MAS HICE POR TI
QUE FUE MORIR POR SALVARTE
SI TU TE MUEVES A MI
COMO NO HE DE PERDONARTE”.
De acordo ao libro “Cruces, Cruceiros e petos do Concello de Salvaterra de Miño” de Don Estanislao Fernández da Cigoña, este cruceiro puido ser realizado polo soado canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro.
Autor doutras obras como son o Cruceiro da Madalena en Cangas e o seu peto de ánimas. Algo non tan disparatado, se temos en conta que Ignacio residiu durante anos no veciño municipio de Ponteareas e que o estilo e a factura aseméllanse ás outras obras atribuídas a este.
Na parte posterior do cruceiro, sitúase un pequeno peto de ánimas en forma de retablo no que tres figuras aparecen entre chamas. A figura central asemella ser a dun eclesiástico, aínda que a súa cantería é bastante tosca e esquemática, lonxe queda pois, da coidada técnica levada a cabo no cruceiro. O peto de ánimas tamén presenta unha lenda que di o seguinte: “ DEVOCION DE JOSE GONZALEZ. ANO DE 1783”.
A intervención realizada busca garantir a conservación da obra e frear o seu deterioro, neste caso o dano máis grande que se subsanou foi o acto vandálico que se produciu no intento de roubo da escultura. Para iso primeiro uníronse as pezas que conformaban a escultura da Virxe e levouse a cabo a limpeza de todo o conxunto, cruceiro, peto e o seu contorno.