Salvaterra de Miño | Os Concellos de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves veñen de presentar ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia un Programa conxunto de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero destinado a mulleres dos tres municipios, que suman mais de 23.000 habitantes.
O conxunto das actuacións do Programa desenvolveranse mediante xestión compartida e permitirá, ademáis de aforrar custos, mellorar a eficiencia da xestión nun programa tan especializado como este, eliminar duplicidades e cumprir coa normativa de estabilidade ao tempo que se incrementa a calidade dos servizos prestados.
O Programa, que espera unha participación de 80 mulleres como mínimo, contempla asesoramento, orientación e apoio psicolóxico, xurídico e laboral especializado e personalizado para as participantes e con talleres e outras actividades formativas destinadas a reforzar a autoestima, o benestar e a calidade de vida das participantes así como o seu empoderamento e mellora da participación en todos os eidos.
De feito, a promoción da inserción laboral das mulleres a través de ferramentas formativas, recursos e mediación é outro dos obxectivos que se marca esta ambiciosa actuación conxunta.
O Programa, que contempla visitas a empresas e encontros grupais, valorizará o coñecemento e a experiencia mediante o debate, a cultura e o audiovisual.
O servizo de asesoramento personalizado prestarase a demanda e individualmente durante os 4 meses que dure o programa, cun mínimo de 6 horas semanais de atención. Pola súa banda, impartiranse 48 horas de formacións ás participantes máis 8 horas noutras actividades complementarias.
O Programa, para o que se solicita unha axuda que ronda os 12000€, foi presentado xa ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. As representantes dos tres Concellos consideran que esta actuación compartida pode ser un paso máis para consolidar servizos municipais especializados e dotalos de instrumentos que contribúan activamente ao desenvolvemento de políticas públicas de igualdade.
As tres entidades locais queren ademáis reforzar a protección das mulleres que se enfrontan ou se enfrontaron nalgún momento das súas vidas á violencia de xénero e asegurarlles unha atención profesional e integral, como sinala a normativa estatal, galega e o Pacto de estado contra a Violencia de Xénero. É a primeira vez que Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves únense para traballar nun Programa conxunto e integral, fomentando a igualdade e previndo a violencia contra as mulleres.