Salvaterra de Miño | Esta mañá a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e a concelleira de Cultura, Lorena Soto, visitaron a obra de excavación dos castros ubicados en Soutolobre-Lourido.
Na visita acompañadas do arqueólogo e director da excavación Francisco Hervés puideron ver o lugar onde se atopa a estela con representación de figuras humanas e equipamento militar. Falamos dun xacemento único e o máis peculiar do noroeste da península debido os estudos que constatan que a cabana castrexa contaba cunha escaleira que daba acceso ó piso inferior. Inicialmente eses estudos esclarecen que a cabaña ten simboloxía de contido relixioso descoñecido ata o momento.
Esta obra promovida e financiada polo Concello de Salvaterra de Miño e a Consellería deCultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia; ven a por en valor un xacemento arqueolóxico de moitísima relevancia dado que se atopa dentro un petróglifo que hoxe, despois dos estudos realizados, pódese constatar que se trata dunha estela da idade do bronce.
Nesa estela aparecen reflectidas dúas personaxes con vestimentas e atributos militares como son puñales ademais de outros motivos que, por mor do tipo de gran da pedra, non están claros pero que parecen ser peces e anzois.
Esta é a segunda das actuacións que se leva a cabo na zona. A primeira foi no 2022 cando se realizou a prospección superficial intensiva de todo o xacemento dos castros que demostrou que se trata dun xacemento que data das primeiras etapas de ocupación humanas deste lugar.
Aquí encontramos dous dólmenes na superficie máis elevada acompañados dunha serie de estructuras como cabanas e elementos da época romana vinculados á explotación de ouro. Ademais aparecen artefactos de moenda e estructuras metalúrxicas.
O Concello de Salvaterra de Miño, no seu papel de difusor cultural para a posta en valor do patrimonio, reafirma a importancia desta obra que marca as directrices das vindeiras actuacións que se levarán a cabo e como compromiso firme para elaborar un plan director que porá en valor a totalidade deste xacemento múltiple de tanta relevancia para a comarca.
Ata a data no Condado a única excavación con profundidade realizada é a do castro de Troña e que xunto a de Soutolobre-Lourido reafirma a importancia desta zona dende épocas prehistóricas.