Atendendo a Lei 7/2015, de Iniciativa Lexislativa Popular e participación cidadá, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, vai presentala no Parlamento Galego.
O Estatuto de Autonomía, outorga as competencias no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica en materia de sanidade interior; así, despois das dúas modificacións feitas polo PP da Lei Galega de Saúde (2008), entendemos que o desmantelamento da AP provocado polos 13 anos do Sr. Feijoo (e 4 conselleira/os de sanidade) non pode seguir producíndose, e por iso, solicitamos ao Parlamento de Galicia que acepte e tome en consideración esta Proposición de Lei; unha vez cumpridos os trámites legais, incluída a recollida de 15.000 sinaturas debidamente autentificadas, se publique conforme ao artigo 123 do Regulamento dá Cámara para a súa toma en consideración no Pleno e subseguinte tramitación parlamentaria.
O Sistema Sanitario Galego arrastra unhas debilidades, que se agravaron durante a pandemia: falta de accesibilidade, longas listas de agarda, indubidable fatiga do persoal ou a escasa participación da cidadanía no sistema. O obxectivo da Proposición de Lei é “a implantación dunha serie de medidas para revitalizar e fortalecer a AP”:
“O Sistema Sanitario Galego arrastra unhas debilidades, que se agravaron durante a pandemia”
Establécese a atención presencial ao paciente nas consultas. Só se o paciente opta voluntariamente por ser atendido de forma telemática, poderase levar a cabo a consulta por outros medios (humáns, non máquinas).
Establécense unha serie de medidas para fixar uns mínimos razoables de dispoñibilidade de centros e persoal para salvagardar a debida calidade de atención aos pacientes. Obrigación de ofertar, como mínimo, unha convocatoria de prazas anual. Recuperación dos consultorios periféricos. Adecuar as plantillas de persoal ás necesidades da poboación e cunha atención de calidade. No caso das consultas médicas establecerase un máximo de 30 consultas diarias. Ofertar aos nova/os especialistas contratos estables. Garantir unhas condicións laborais dignas, que acaben coa precariedade e a inestabilidade do persoal e que permitan recuperar ao que decidiu traballar en lugares diferentes da Galiza.
Recuperación das Xerencias de Atención Primaria en cada Área Sanitaria, con orzamento propio e capacidade de xestión autónoma.
Recuperación e posta en marcha das competencias dos Consellos de Saúde de Área Sanitaria e do Consello de Saúde de Galicia. Órganos de participación democrática na xestión das Áreas Sanitarias.
“O persoal dos Centros de Saúde, Consultorios Periféricos e PAC, deberán poder garantir unha atención de calidade e con plena capacidade resolutiva”
O persoal dos Centros de Saúde, Consultorios Periféricos e PAC, deberán poder garantir unha atención de calidade e con plena capacidade resolutiva. A composición das plantillas serán definidas polos Plans de Saúde de Área Sanitaria. Para que o servizo sexa integral, os Centros de Saúde deben contar con profesionais que cubran toda a asistencia sanitaria: Psicóloga/os Clínicos, Logopedas, Fisioterapeutas, Terapeutas Ocupacionais, Traballadora/es Sociais, etc.
Adecuar os Servizos de Ambulancia ás necesidades e demandas de atención e traslado urxente.
Acabar coas Listas de Agarda na AP. Garantizarase que o tempo de espera para recibir atención nos Centros de Saúde non superará as 48 horas para consultas normais e 24 horas para a demanda urxente.
As interconsultas e derivacións de pacientes aos especialistas hospitalarios, non pasarán por ningún filtro previo que alongue a espera da atención. Permitir que á/os Médica/os de AP remitan aos pacientes que consideren á consulta urxente de cada especialidade sin ter que facer informe previo e a demora conseguinte de varios días.
O Consello Técnico de AP de Galicia será o garante de que o Novo Modelo de AP de Galicia sexa o que termine co desmantelamento e privatización do Sistema Sanitario Público Galego. De nós depende!
Dr. Xosé M.ª Dios Diz, médico especialista de AP de Outes