San Paio de Abeleda, patrimonio natural

Artigo da xornalista Asun Losada Dorado

Ourense | Hai algo máxico na decadencia dalgúns lugares. Cando a natureza toma o control lémbranos que os seres humanos só estamos de paso aquí. É o que sucede no Mosteiro de San Paio de Abeleda, situado na parroquia que leva o seu mesmo nome, en Castro de Caldelas.

Aínda que hoxe atópase en ruínas, cada pedra murmura a historia do seu esplendor pasado e a súa relevancia na vida da zona. Desde que en 1127 Alfonso VII outorgou o coto do mosteiro aos irmáns Sancho e García Gundisálvez como recompensa polos seus servizos, este espazo agora sacro converteuse no corazón espiritual e social da comarca. Que pensarían eles daquel legado? Sen dúbida a calma espiritual da propia paisaxe sería un bálsamo para corazóns entregados en batallas.

San Paio foi refuxio de almas, seguramente moitas atormentadas, e testemuña de vidas que atoparon nel o seu descanso eterno. Aínda hoxe, entre eses muros que se adiviñan fortes, rexios, aparecen lápidas que contan historias, como a de D. Avelino Quevedo e Medialdea, orgulloso licenciado en medicina e cirurxía que faleceu con pouco máis de 20 anos nun frío febreiro de 1876. A súa desconsolada nai, cuxa lápida menciona, preguntaríase por qué el e por qué tan novo, sen saber que sería parte dun legado que perduraría a través do tempo.

Ao camiñar entre as ruínas de San Paio, un non pode evitar preguntarse se unha restauración devolvería ao lugar o seu esplendor ou se a combinación do humano e o natural aínda o fai máis valioso. Como nas ruínas da antiga Grecia, onde o tempo e a vexetación entrelázanse cos restos de pedra, aquí a decadencia revela unha beleza serena, case mística. Os muros centenarios son testemuñas mudas dun pasado glorioso e un presente incerto que convida á contemplación. Un patrimonio que, máis aló do histórico, foi reclamado pola natureza para crear algo máis profundo, máis auténtico, que só algúns ollos amables poden apreciar.

A arquitectura deste mosteiro ofrece unha visión do seu antigo esplendor. Unha portada románica dos séculos XIII-XIV, co seu arco ojival decorado fala dun tempo no que a man do home elevaba estruturas coa forza dun propósito transcendental. A igrexa, na súa nave única, presenta arcos de medio punto con capiteis decorados, coma se desexasen perpetuar a súa relevancia entre as xeracións que pasaron e as que aínda están por vir.

Estes espazos, cubertos agora polo tempo, deixan albiscar a gloria dun tempo pasado, que algúns insisten en darlle o valor de mellor. Aínda se poden ver os restos dun retablo que resiste ás inclemencias do tempo ou as figuras intactas de grupos de quimeras nos capiteis, seres míticos, unha sorte de bestas fantásticas que se dicía, protexían os espazos sacros dos demos. Esas figuras, de bocas abertas e ollos afundidos parecen mirar con intensidade ao curioso que se atreve a cruzar as súas portas, lanzando advertencias de que o mal está aí fora e quizais, en ocasións, tamén intramuros.

Deberiamos restaurar estes lugares, devolverlles o seu antigo brillo ou deixalos como están, como un testamento do paso do tempo? Ou transformalos en lugares prósperos onde o negocio (pero tamén a vida) volva habitar os seus muros?

Quizá San Paio de Abeleda deba ser un exemplo desta fusión sublime entre a arte humana e a forza natural, onde só o que camiña entre as súas ruínas e toca as súas frías e centenarias pedras pode entender o seu verdadeiro valor: un legado compartido entre o humano e o eterno, o tanxible e o espiritual. De momento está aí, alzándose entre viñas, sendo testemuña da vida dos habitantes da zona agardando, quizais, rexurdir entre as súas cinzas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.