Primeiro, os feitos. Pedro Sánchez visitou Rabat buscando aliviar meses de tensións co estratéxico veciño marroquí. A distensión diplomática levou a acordar un novo enfoque sobre o Sáhara Occidental, no que Madrid pregouse ao plan marroquí de autonomía de 2007. A consecuencia, deuse por finalizada a crise diplomática co retorno dos respectivos embaixadores.
A Fronte Polisario, impulsor da causa saharauí, cualificou de “traizón” a nova posición española, secundada por Alxeria, principal valedor internacional da causa saharauí e receptor dos seus refuxiados no campo de Tinduf. Desde finais de 2021 estanse observando tensións diplomáticas, con algún conato militar, entre Marrocos e Alxeria. A consecuencia, o gasodouto alxerino Medgaz deixou de bombear cara Europa. España e Italia dependen máis do subministro enerxético de Alxeria que do ruso. Trala visita de Sánchez a Rabat, Alxer chamou a consultas ao seu embaixador en Madrid.
Visto o visto, Madrid debeu medir con maior asertividade as consecuencias desta aposta por Marrocos que, inevitablemente, provocaría unha comprensible irritación por parte de Alxeria nun momento de crise enerxética coas súas implicacións económicas e laborais (paro de transportes en España). Ata China saíu en apoio de Alxeria, criticando a ‘viraxe marroquí’ de Sánchez no asunto saharauí.
“Madrid debeu medir con maior asertividade as consecuencias desta aposta por Marrocos”
A nova aposta de Sánchez rompe claramente con case cinco décadas de posición irrestrita española a favor del lexítimo referendo saharauí de autodeterminación, constantemente aprazado por Marrocos desde 1991. En 2020, xa de saída da Casa Branca, Trump deu un xiro inédito: recoñeceu a soberanía marroquí do Sáhara Occidental. Hoxe, a distensión española con Marrocos parecera soster esa posición “trumpista”.
Pero pode que, para Sánchez, a chave saharauí pase por Washington. Pedro Sánchez ten unha obsesión xa para nada inconfesable: a foto con Joseph Biden. Da a impresión que a precisara a toda costa, incluso se para alcanza-la ten que dar auténticos ‘xiros copernicanos’ á política exterior española e aguantar desplantes da Casa Branca cada vez que Biden fala con líderes europeos. Sánchez pretende un ‘novo atlantismo socialdemócrata’ con él como interlocutor europeo de Biden.
“Pedro Sánchez ten unha obsesión xa para nada inconfesable: a foto con Joseph Biden”
Aceptar o plan de Marrocos para o Sáhara é, ó mesmo tempo, pregarse á ‘Doutrina Trump’. Rabat, que sabe moi ben cómo defender os seus intereses, ditou así as súas pautas. Pode que Sánchez trazara un xiro de realpolitik para evitar outra crise migratoria nas súas fronteiras mediterráneas, como ocorrera en 2021. Por certo, mentres a atención está enfocada en Ucraína, houbo conatos de retorno desa crise migratoria en Ceuta e Melilla.
En Rabat, o presidente de goberno español calculaba máis ben cómo abrir outra xanela que agradara a Biden. Non lle bastou con erixirse como “socio privilexiado da OTAN” na crise ucraína, enviando armas ao Exército ucraíno (algunhas delas a mans do polémico Batallón Azov) e acusando a Putin de ser ‘criminal’ (Biden dixit) e ‘culpable’. O seu interese é a foto con Biden no cumio da OTAN de xuño próximo en Madrid. Aí están alimentadas as esperanzas de Sánchez de ser, por fin, ‘recoñecido’ como líder mundial.
Como fora no caso dunha Ucraína hoxe en ruínas e que despide refuxiados (non esquezamos que os saharauís, por certo, tamén son refuxiados) Sánchez vese atrapado noutra crise no seu goberno de coalición, desta vez polo asunto saharauí, pero tamén con Alxeria e a Fronte Polisario. Toda vez denuncia a agresión rusa en Ucraína, Sánchez cóidase de non facer o mesmo con Marrocos co respecto ao Sáhara Occidental. Pero en vez do Sáhara, as miras de Sánchez semellan máis ben estar enfocadas na Casa Branca.