Santiago acolle o I Congreso sobre o Reino Medieval de Galicia

Con especialistas internacionais que abordan a historia medieval galega

Santiago de Compostela | O Congreso sobre o Reino medieval de Galiza xa é unha realidade. Tras un ano de traballo, a área de Cultura da Deputación da Coruña deu hoxe o pistoletazo de saída ao simposiun que, durante catro xornadas, permitirá abordar a historia medieval de Galiza con rigor académico e científico e desde diversas perspectivas. No acto de apertura participaron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Xurxo Couto asegurou durante a súa intervención que “hoxe é un día transcendental na nosa historia, porque este Congreso é o primeiro que se celebra sobre a nosa época medieval, esa realidade que a pesar do seu esplendor e das evidencias históricas de todo tipo, foi sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial e directamente ocultada nos materiais educativos e divulgativos”.

Neste sentido, deputado afirmou que “chegou o momento de poñer fin á ocultación do Reino de Galiza” e que durante estes catro días de relatorios e debates “non se pretende reconstruír a historia, nin moito menos, senón que se trata de exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país, como é a época medieval”.

Pola súa banda, Anselmo López Carreira comezou a súa intervención facendo referencia a que “hoxe cúmprense 911 anos e 2 días da coroación de Alfonso VII, aínda infante, por parte do bispo Xelmírez e da que temos cumprida información na Historia Compostelá, e con este aniversario quixemos facer coincidir este Congreso”. Comezou o seu relatorio inaugural amosando a descrición da cerimonia na que se dá conta da imposición da espada, do cetro e da diadema de ouro ao novo rei na Catedral de Santiago, a posterior misa solemne e o convite rexio co que remata; para pasar a facer un percorrido sobre os reis e avatares que o sucederon durante todo o período medieval.

Mentres, Concha Losada, ademais de agradecer a escolla do Museo do Pobo Galego como sede do simposio, vinculou a temática que se aborda cunha nova liña de traballo que está a desenvolver a institución museística e que consiste na posta en marcha de novas salas de exposición dedicadas especificamente á historia de Galiza.

Tras a xornada inaugural, o primeiro dos relatorios versou sobre “Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo”, a cargo de Jaume Sobrequés da Universidade Autónoma de Barcelona; seguido das intervencións de Simon Doubleday da Universidade Hofstra de Nova York sobre “Historia de dúas fronteiras.

Algunhas reflexións sobre as relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha de Galicia-León”; e de Pablo Díaz Martínez da Universidade de Salamanca sobre “Fontes e historigrafía do reino suevo. Unha relectura”. Cada relatorio vai seguido dun coloquio moderado pola xornalista, Charo Lopes.

Todas as sesións están a ser retransmitidas ao vivo desde a páxina web www.reinomedievaldegalicia.gal, que centra nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas.