Santiago de Compostela | O Pleno ordinario do Concello de Santiago admitiu unha moción conxunta de urxencia para apoiar a candidatura da “Asociación cultural e pedagóxica Ponte… nas ondas!” ao rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO.
A experiencia de comunicación interescolar Ponte…nas ondas!, promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, foi presentada conxuntamente por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, ao rexistro das boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) da UNESCO.
Esta inscrición debe producirse na reunión do 17º Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio inmaterial da UNESCO que se celebrará en Rabat (Marrocos) do 28 de novembro ao 2 de decembro.
A moción, presentada a iniciativa do Goberno Municipal, apoia “o labor desenvolvido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e apoia a inscrición do modelo Ponte…nas ondas! no Rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO.” Sinala ademais, que “do presente acordo darase traslado á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura”.