Santiago de Compostela | A sede do Consello da Cultura Galega foi o escenario este 10 de outubro da xornada “Realidades e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel”, onde directores e editores de diversos medios impresos en galego debatiron sobre os retos que se presentan para este sector ante o avance da dixitalización e a crise económica.
A xornada comezou coa intervención de Julián Rodríguez Moscoso, director de Economía Dixital, medio pertencente ao Foro Económico de Galicia, quen falou sobre “A crise dos medios en papel. O reto de adaptar o modelo de financiamento coa dixitalización”.
Posteriormente deuse paso á mesa redonda sobre “Experiencias de Medios Escritos en formato papel: os existentes antes de 2000 e os que foron aparecendo nos últimos anos. Permanencia e novos proxectos. O papel dos medios locais en relación coa supervivencia do papel”, que contou coa participación de Xan Carballa como moderador.
Nesta mesa participaron María Obelleiro, directora de Nós Diario, quen defendeu o que denominou como “a cultura de pago da información” como mecanismo de fomento da “cultura democrática”. “Os medios deben facer pedagoxía para que os cidadáns paguen por información de calidade”. Fernando de Paz, do mensual Tempos Novos, completou esta perspectiva avogando “polo compromiso do suscriptor” coa información que recibe.
Carlos G. Hervella, do Periódico do Sil, defendeu “unha maior comunicación coa sociedade para valorar o traballo xornalístico”. Pola súa banda, Diego Elías García Puente, director de Terrachá, considerou o “potencial de futuro que ten o lecer como sector de consumo no que os medios impresos poden ter viabilidade”.
Finalmente, Guillermo Rodríguez Fernández, director de Foro A Peneira-Novas do Eixo Atlántico, defendeu “iniciativas conxuntas entre os medios impresos para garantir a viabilidade dos medios de papel”, avogando polo “intercambio de contidos” como mecanismo para achegarse a maiores audiencias e suscritores.
A xornada continuou coas ponencias do filósofo Ignacio Castro Rey sobre o “Control da Información da era dixital”; Ana Díez, comunicadora e xestora cultural, e Alejandro Nieves, xestor cultural e un dos responsables da publicación Farlopa, que falaron sobre a importancia do fenómeno dos fanzines; e Alberte Sánchez, membro do Consello de Redacción de Serna.
Rematou a xornada a profesora Marta Cortés, quen falou das publicacións nos centros educativos co foco na revista Saloira no IES Martaguisela do Barco.