Santiago presenta a súa candidatura á segunda convocatoria europea “Urban Innovative Actions”

Farao a través dun proxecto impulsado pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, e dentro da temática "Economía circular".

Santiago de Compostela | O alcalde, Martiño Noriega, presidiu hoxe o acto de sinatura da carta de compromiso de participación no proxecto por parte dos distintos socios, entre os que se atopa a Universidade de Santiago. A USC estivo representada pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey.

Ademais do alcalde e da vicerreitora, no acto de sinatura participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro. Tamén asistiron representantes das entidades que participan no proxecto en calidade de socios: Coregal, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI; XESGAL, Xestión Galega Ambiental Loxística; Airas Nunes, a Asociación Root & Fish, Energy Lab, e Tech-Academy for Kids and Teens.

proxecto

 

En canto á Universidade de Santiago, participa no proxecto a través de varios grupos de investigación. Son, en concreto, o grupo de Agronomía da Escola Politécnica Superior; o grupo de Produción, Calidade e Tecnoloxía do Leite e outros alimentos, do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria do departamento de Química Analítica; o grupo de investigación de Economía Ecolóxica e dos Recursos Naturais; e o grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental do departamento de Pedagoxía e Didáctica.

Plan(et) Ecocity Santiago

O proxecto que presenta o Concello de Santiago á convocatoria europea UIA enmárcase no programa Plecocitys, que busca iniciar unha transición cara a Economía Circular no marco da xestión de residuos. O obxectivo é achegar propostas de solución innovadoras aos principais puntos febles neste ámbito: a gran porcentaxe de residuos orgánicos desaproveitados, a reutilización de produtos electrónicos e a procura dunha participación activa da cidadanía na xestión de residuos.

O proxecto impulsado pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo fundamenta o seu carácter innovador en tres piares: unha xestión completamente innovadora na xestión de bioresiduos, unha proposta integral que segue a lóxica da economía circular e a introdución de metodoloxías de innovación social apoiadas en modelos matemáticos para unha maior eficiencia na toma de decisións colectivas.

Con estas chaves preténdese reducir a porcentaxe de residuos que rematan en vertedoiro e incineración, impulsar o comercio tecnolóxico de segunda man, promover unha compra verde pública e privada e capacitar á cidadanía para facela partícipe dunha xestión municipal máis sustentábel. O orzamento previsto para o programa é dalgo máis de seis millóns de euros.