O previsible cambio de poder en Berlín tras dezaséis anos da era Merkel debe ser observado en perspectiva europea e internacional. A priori, os pactos definirían unha coalición tripartita na Chancelería alemá, co socialdemócrata Olaf Scholz con moitas probabilidades de suceder a Merkel e Os Verdes como o partido clave para definir o próximo goberno.
Os resultados amosaron un contexto de atomización que abre a veda dos pactos postelectorais. Dos 735 asentos que compoñen o Bundestag ou Parlamento alemá, o socialdemócrata SPD ten 206 escanos. A centrodereita do CDU/CSU queda en 196, mentres Os Verdes ascenden ao terceiro lugar con 118. Os liberais do FDP teñen 92 mentres a ultradereita de Alternativa por Alemaña (AfD) alcanzou 83 escanos. Die Linke (A Esquerda) chegou a 39 escanos. A maioría para formar goberno está en 368 escanos.
O estreito marxe de votos (1,6%) do SPD sobre a demócrata cristiá CDU/CSU “post-merkeliana” intúe igualmente un contexto de polarización política na Alemaña. Non obstante, xorde agora unha persuasiva necesidade de atopar consensos e equilibrios políticos, algo moi común da cultura política alemá.
“A transcendencia do xiro político nas previsibles mans de Scholz repercutirá en dous ámbitos, o europeo e o internacional”
A transcendencia do xiro político nas previsibles mans de Scholz repercutirá en dous ámbitos, o europeo e o internacional. No primeiro definirá unha nova relación de poder dentro da UE, con quizáis menos protagonismo para Berlín do que foi na era Merkel. Isto pode dar paso a un maior peso dos sectores tecnócratas tanto en Berlín como en Bruxelas.
Pero con este posible escenario cabe preguntarse: será a hora de Emmanuel Macron como posible líder europeo? Sen Merkel, Bruxelas obsérvase orfa dun liderado tan persoal e carismático como foi o da ex chanceler aléma. É posible que o presidente francés, que se somete á reelección no seu país en 2022, tente ocupar ese baleiro “post-merkeliano“.
“Sen Merkel, será a hora de Emmanuel Macron como posible líder europeo?”
A desafiante posición de Macron con Biden tralo acordo AUKUS entre EE.UU, Gran Bretaña e Australia polas implicacións do mesmo cara a OTAN da a entender esa posible perspectiva de Macron como sucesor de Merkel dentro da UE. Scholz deberá igualmente manexar este escenario, que implica observar ata qué punto o eixe franco-alemá segue a ser o motor dunha UE cada vez máis cuestionada, con membros díscolos como Hungría e Polonia.
O outro ámbito é o internacional. E aquí xorden tres actores: EE.UU, Rusia e China. E tamén máis interrogantes: seguirá Scholz a política atlantista de Merkel con Washington ou dará un xiro copernicano a favor dunha alternativa “europeísta”, incluso dentro da OTAN, en clara sintonía con Macron?
“Seguirá Scholz a política atlantista de Merkel con Washington ou dará un xiro copernicano a favor dunha alternativa “europeísta?”
Cos Verdes na coalición gobernamental na Chancelería alemá, como será a relación de Scholz con Rusia, toda vez o partido ecoloxista é un firme detractor do gasoducto Nord Stream e das políticas xeo-enerxéticas de Putin cara Europa? Precisamente, Putin foi unha constante “dor de cabeza” para Merkel, con relacións de altibaixos e moitas tensións. Seguirá sendo así con Scholz? Como manexará Scholz o feito de que o ex chanceler alemá Gerhard Schröeder, tamén do SPD, forme parte do comité directivo do Nord Stream? A nova ecuación política en Berlín da a entender que as friccións seguirán presentes na relación ruso-xermana.
“Como será a relación de Scholz con Rusia, toda vez o partido ecoloxista é un firme detractor do gasoducto Nord Stream e das políticas xeo-enerxéticas de Putin cara Europa?”
Finalmente, China. A caída da inmobiliaria chinesa Evergrande traduce a posibilidade de que Beijing entre nunha fase de recesión económica, con serias repercusións a nivel mundial. Como afrontará Scholz a eventual ralentización económica chinesa será unha clave importante que medirá a súa xestión, sendo Alemaña o motor económico europeo e tomando en conta a presenza cada vez maior de empresas chinesas en Europa, así como das súas vacinas anti-COVID, en particular en países como Hungría e Serbia.
“Como afrontará Scholz a eventual ralentización económica chinesa será unha clave importante que medirá a súa xestión”
No último gabinete de Merkel, Scholz ocupou o posto de ministro de Finanzas. O seu perfil na xestión da conta de varias cualidades innatas: diplomático, experimentado e home de consensos. Incluso hai que o cualifica de merkeliano. Agora, nunha nova xeira como eventual sucesor de Merkel, moito precisará Scholz desas cualidades nun mundo post-pandemia colmado de incertezas.