O Covelo | Este sábado 14 de maio a reitoral de Santa Mariña acolle a presentación do libro “Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e patrimonio”. O investigador e historiador Alberte Reboreda volve mergullarse nas orixes do noso concello pero esta vez da man da Comunidade de Montes en Man Común da parroquia e co apoio do Concello e da Deputación de Pontevedra.
Como o seu título indica este libro achéganos á historia, á toponimia dos lugares habitados e ao patrimonio máis salientable da parroquia. Un ano de investigacións, de entrevistas, de recollida de documentación, de traballo de campo na procura das persoas que máis e mellor coñecen a súa terra pero tamén un ano de traballo de gabinete con visitas ao arquivo histórico de Pontevedra e ao arquivo Reino de Galicia na Coruña, entre outras consultas como as realizadas nas hemerotecas de publicacións dende o século XIX ata hoxe.
No libro descubriremos a orixe da etimoloxía dos lugares habitados, segredos agochados na historia dos seus camiños, persoeiros e apelidos e lugares únicos en Galicia. O alcalde Pablo Castillo convida á cidadanía a esta presentación e salienta a importancia de recuperar o noso patrimonio deixándoo como legado ás vindeiras xeracións.
Este libro forma parte da colección “Parroquia a Parroquia”, iniciativa do Concello que víu a luz cun primeiro volume adicado á parroquia de Barcia de Mera.
A presentación completarase coa proxección dun vídeo documental sobre a parroquia conducido polo artista Tonhito de Poi e realizado polo xornalista e director audiovisual Suso Iglesias.
O acto, que comezará ás 19 horas, contará tamén coa actuación musical de Breocáns Folk.
O presidente da Comunidade de Montes, José Manuel Castillo, explica que “o libro é resultado do traballo de moitos veciños e veciñas comuneiras ao longo dun par de anos nos que nos facilitaron os seus coñecementos e tamén documentos gráficos para conseguir facelo, xunto coa axuda económica do Concello e a Deputación”.
Aqueles que queiran afondar máis poden consultar Toponimia de Galicia, organismo dependente da Real Academia Galega, que recolle na súa última publicación dixital na sección de “Novas” da súa web unha mención á publicación do libro e o video, e por extensión ao proxecto “Covelo, parroquia a parroquia”. Pódese atopar aquí: https://toponimia.xunta.gal/gl/nova/descubrimos-o-proxecto-toponimico-covelo-parroquia-parroquia.
Na web do concello de Covelo temos a disposición pública información e acceso aos documentos do proxecto “Covelo, parroquia a parroquia” aquí:
http://www.concellodecovelo.es/?sec=92