Seguridade peonil entre a Avenida Castelao e a rúa Braña

O Concello de Ponteareas coloca unha baranda de protección de acero inox

Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que na pasada semana procedeu á colocación dunha baranda de acero inox na intersección da avenida Castelao con rúa Braña.

Explica o tenente de alcaldesa e concelleiro de Tráfico, Juan Carlos González, que era unha zona de especial perigo na que algúns peóns adoitaban acurtar e cruzar antes do paso de peóns. Para evitar esta mala práctica e garantir a seguridade das persoas a concellería de Vías instalou unha baranda nas dúas beirarrúas delimitando claramente a zona de tránsito peonil e obrigando ás persoas a cruzar polo paso seguro. Deste xeito evítanse posibles atropelos e freadas bruscas nun cruzamento de moita intensidade de paso de vehículos e persoas.

“Facemos unha xestión responsable que dea resposta ás necesidades. Detectamos perigosidade nese punto e demos resposta en canto puidemos. Agradecemos á cidadanía que nos alerta e nos traslada as súas suxestións para avanzar en mellorar beirarrúas, pasos de peóns e puntos da vía pública que precisen dunha intervención”, explica Juan Carlos González.

Xunto á alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, visitaron a zona de obras e comprobaron a mellora conseguida ao delimitar ao illar a zona de paso de persoas da estrada.

Reparación de focanchas na N-120
O Concello informa da resposta facilitada polo Ministerio de Fomento á Deputación de Pontevedra en relación á reparación das fochancas no cruce da estrada N-120 coa estrada de Ribadetea.

A petición do Concello de Ponteareas a Deputación púxose en contacto co Ministerio para executar obras urxentes de reparación do firme na estrada EP-2703 na súa intersección coa estrada estatal.

Segundo informan dende a Deputación o Ministerio comunicou que as obras serían realizadas pola administración do Estado.

O goberno de Ponteareas pide ao Estado a pronta intervención ao ser unha estrada de alto tránsito e as fochancas moi profundas afectando á seguridade e a boa circulación dos vehículos que deben sortear estas fendas nun punto complicado onde conflúe un cruce, un semáforo, un paso de peóns e moitos vehículos e peóns que acceden á zona recreativa e deportiva da Freixa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.