Seis cancións compiten pola letra do himno de Mos

Será sometido a votación popular

Mos | A cidadanía xa pode votar a candidatura para escoller a letra do himno de Mos. Un total de 6 cancións aspiran a converterse na letra do himno do Concello de Mos, composición musical autoría do gaiteiro de Louredo, Xulio Lourenzo, que carecía de letra.

O temas coas 6 letras diferentes poden lerse e reproducirse para escoitalas nunha sección habilitada a tal fin na páxina web municipal á que se pode acceder a través da seguinte ligazón: https://www.mos.es/votar-candidatura-para-elegir-a-letra-do-himno-de-mos/

Todas as persoas interesadas en votar por algunha das candidaturas aspirantes deben votar cubrindo un formulario no que especifiquen nome, apelidos, enderezo e o número asignado ao participante ao que lle queren dar o seu voto.

As propostas son anónimas para que a votación sexa o máis ecuánime, xusta e imparcial posible. Todas elas están cantadas pola mesma voz para este proceso de votación, en aras de evitar que voces diferentes puidesen influír tamén na decisión dos votantes. O encargado de cantalas todas é o compositor e cantante Raúl Ben, que por suposto non participa no concurso.

Desde hoxe está aberto o procedemento de votación popular, que rematará o domingo 15 de maio ás 12 da noite. A semana do 16 de maio votarán os voceiros dos diferentes grupos integrantes da Corporación Municipal e reunirase tamén o xurado profesional para deliberar a súa elección.

A proposta gañadora extraerase sumando as porcentaxes de puntuación do seguinte xeito: Xurado Profesional (50 % da puntuación), Corporación (25% da puntuación) e Xurado Popular (25% da puntuación). A letra que resulte vencedora aprobarase oficialmente en Pleno o 30 de maio.

XURADO
Xurado Profesional (50 % da puntuación):
Esta puntuación acadarase a través dunha mesa de traballo composta polo seguinte xurado.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos.
Xulio Lorenzo, compositor da partitura do Himno de Mos.
Uxía Senlle, cantante mosense.
Javier Baquero, escritor.
Xaime Estévez, compositor e mestre de Música.
Jacobo Gaspar, compositor e pianista.
Juan Durán, compositor e xefe de inspeccións de conservatorios de Galicia.
Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Técnico/a municipal (secretario/a do xurado)

Corporación (25% da puntuación):
Esta puntuación acadarase a través dunha mesa de traballo formada por cada un dos voceiros de cada partido político.

Xurado Popular (25% da puntuación):
Poderán votar todas aquelas persoas que o desexen. Só será contabilizado un voto por persoa e unicamente poderase votar a través da aplicación específica “A letra do noso himno” creada para tal fin, e que estará vinculada única e exclusivamente á web municipal. A decisión do xurado é inapelable, polo que non poderá ser obxecto de recurso de ningún tipo.