Pontevedra | A deputada provincial de Turismo, Nava Castro, referendou hoxe nun acto no Palacete das Mendoza o apoio da Deputación de Pontevedra á proposta conxunta dos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Salvaterra, Pazos de Borbén, Ponteareas e Ponte Caldelas para solicitar á Xunta de Galicia a declaración do Camiño de Taverneiro como Vía Cultural.
Con esta iniciativa, os municipios polos que discorre este novo itinerario estreado o pasado ano buscan impulsar a promoción e divulgación dunha ruta que, como subliñou Castro, “ofrece un patrimonio cultural, relixioso e cultural moi amplo ao longo dos seus 130 quilómetros”.
Neste acto, a deputada e tamén alcaldesa de Ponteareas estivo acompañada de Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial de Cooperación, así como de Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño; Xosé Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas e Juan Manuel Constenla, tenente de alcalde da Estrada.
Na súa intervención, Nava Castro destacou a importancia desta iniciativa, “que une a seis concellos desta provincia en torno á cultura, ao patrimonio e tamén á proxección turística que vai supoñer xa contar con este novo camiño cara Compostela”. “Traballar unidos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito –indicou-. E hoxe estamos a dar xuntos estes primeiros pasos para que este novo roteiro, cuxo trazado é froito de moita investigación e documentación, se coñeza, se divulgue e amose ás persoas que o camiñen o gran atractivo que ten a nosa provincia no seu interior”.
“Pontevedra é desfrutar! –engadiu-. Por iso suxerimos esta nova alternativa. Sabemos que temos unha oferta paisaxística, gastronómica, cultural e patrimonial moi difícil de igualar. E sumando accións como o impulso deste novo itinerario seguimos a posicionarnos como destino de referencia en torno aos Camiños a Santiago”.
A deputada provincial remarcou que “este viario cumpre á perfección todas as condicións para obter a declaración como Vía Cultural”, destacando a presenza de 30 igrexas, 14 petos de ánimas, numerosos cruceiros e una ampla lista de contornas culturais e naturais ao longo do seu percorrido.
Neste senso, Castro amosou o compromiso da institución “coa terra, coa cultura, as tradicións e a nosa identidade” e incidiu en que para a Administración provincial “é unha obriga seguir a impulsar todas aquelas accións que nos poñen en valor, nos promocionan e sitúan no mundo” como a nova proposta do Camiño de Taverneiro, lembrando que desde Turismo Rías Baixas estase a traballar para divulgar e dar a coñecer todos e cada un dos camiños xacobeos que transcorren pola provincia.
O Concello de Salvaterra xa aprobou a proposta para dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a fin de que incoe o expediente para a declaración de Vía Cultural e esta mesma tarde Ponteareas levará este asunto ao seu pleno, de xeito que a idea é que a próxima semana estean aprobadas as propostas polas corporacións dos seis concellos. Este é o primeiro paso para as conversas coa Xunta, nas que se quere implicar tamén aos investigadores que recuperaron a ruta. Ademais, Nava Castro emprazou aos representantes municipais a unha presentación conxunta do Camiño de Taverneiro na próxima edición da feira Fitur en Madrid.
“Durante o acto, amosouse a guía que Carlos da Barreira e Luis Ferro elaboraron sobre esta nova ruta. ‘Camiño de Taverneiro. Guía do Peregrino”
Durante o acto, amosouse a guía que Carlos da Barreira e Luis Ferro elaboraron sobre esta nova ruta. “Camiño de Taverneiro. Guía do Peregrino” ofrece en 185 páxinas a cor toda a información detallada sobre a ruta, distancias, lugares para durmir e datos sobre o patrimonio natural e cultural, así como datos etnográficos para as persoas que se decidan a facer esta ruta, que debe o seu nome a Ignacio Taverneiro, un peregrino veciño de Ponte Caldelas, que faleceu en 1784 na Estrada despois de realizar o percorrido. Neste senso, a deputada provincial salientou o arduo traballo de investigación promovido por ambos autores para recuperar esta ruta: “Estamos a ver, grazas ao traballo de moitos colectivos e moitos investigadores e expertos, que existen outras vías, descoñecidas ata tempos recentes e que, como esta, tamén foron utilizadas e hai que impulsar, promocionar e dar a coñecer”, apuntou.
O camiño conta con 5 etapas entre Salvaterra e Compostela, cun total de 130 quilómetros e nos últimos dous anos foi percorrido por máis de 200 persoas, tanto a pé como a cabalo e en bicicleta. A primeira destas etapas, de 24 km, arranca en Salvaterra e transcorre ata Padróns (Ponteareas), á que segue unha segunda de 26 km desde este lugar a Ponte Caldelas. A partir deste punto continúa nunha terceira etapa de 25 km ata Pedre (Cerdedo-Cotobade), a cuarta (24km) entre Pedre e A Estrada e por último, desde este concello sae a quinta etapa, de 31km cara a Santiago.