Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Mocidade, Leo Costas, presentaron o cartel dun novo programa on line para a poboación xuvenil.
Trátase dunha programación chea de contidos seguros a través das redes sociais municipais e que leva por título “Semana da Cultura Urbana nas redes”. Está cargada de diferentes disciplinas para aprender e practicar (Hip Hop, break, graffiti, Turntablism, Skateboard, Roller Skate, BeatBox, Rap), complementadas con vídeos, documentais, apps, campionatos e series que lle dan un maior atractivo, co obxectivo aproximar e dar a coñecer a cultura urbana ás mozas e mozos mosenses, (con idades comprendidas entre os 12 e 35 anos) e tamén a xuventude de fóra do noso municipio, para que se poidan iniciar nestas actividades, así como para aquelas persoas que xa teñen nocións, para que poidan perfeccionarse e ampliar os coñecementos.
Está actividade pretende chegar a toda a poboación moza por igual, con actividades impartidas por profesionais da ámbolos dous sexos, co obxectivo de fomentar a desaparición de estereotipos de xénero. Nesta actividade, a poboación moza coñecerá tanto a homes como mulleres que practican actividades e deportes que son considerados só para o xénero masculino, como o graffiti ou o skate, ou xéneros musicais como o Rap.
Estas actividades son unha ferramenta moi positiva para loitar contra os estereotipos de xénero, xa que fomenta a participación por igual de toda a poboación, non diferenciando polo xénero que movemento ou actividade pode facer cada un.
Os representantes municipais Arévalo e Costas declararon a este respecto que “consideramos que a Semana Santa é un momento idóneo para facelo, debido ao momento vacacional no que se atopan os rapaces, dándolle un abano de actividades cheas de dinamismo e cargadas de contidos interesantes”.
Os obxectivos deste novo programa son promover e dinamizar actividades urbanas moi demandadas entre a nosa xuventude, a través das redes sociais, xa que por motivos da crise sanitaria COVID-19 non se poden realizar neste momento dunha maneira presencial, ofertar actividades de ocio e lecer a mocidade en tempada vacacional e fomentar a desaparición de estereotipos de xénero a través da realización de actividades de ocio.
A programación comezou onte luns 29 de marzo e prolongarase ata o domingo 4 de abril. As 3 actividades de onte versaron sobre a Lectura Recomendada “Hip Hop Family Tree”, do debuxante de cómics estadounidense Ed Piskor, unha serie recomendada con Trailers de Get Down (proxección do tráiler da película e recomendación de onde poder descagalo) e un obradoiro de Hip Hop.
As actividades de hoxe son un tutorial de Break para coñecer a disciplina do Breaking e aprender as técnicas básicas, un obradoiro para facer un Break, e charla sobre os Campionatos Red Bull de Breaking.
Mañá mércores 31 de marzo a primeira actividade será sobre muralismo, a segunda sobre a App Sketch AR para debuxar e a terceira sobre Graffiti.
O xoves 1 de abril a primeira das actividades será sobre a disciplina do Turntablism, a segunda sobre o documental SCRATCH e a terceira sobre as técnicas do “Beat Juggling”, ou o “Scratch” incluídas na disciplina musical do Turntablism.
O venres día 2 de abril abordarase o deporte urbán do Roller ou rollerskate, a disciplina do Parkour e o debut do skate como deporte olímpico nos Xogos de Tokio.
O sábado 3 de abril as tres iniciativas a desenvolver serán sobre a disciplina do Beatbox e un obradoiro para desenvolver as súas técnicas básicas, así como material videográfico sobre descubrimos a loopstation, ou looper.
Por último o domingo 4 de abril falarase sobre a película Straight Outt a Compton, abordarase o uso da App Groovepad para crear música e farase un obradoiro de Rap.