Oia | A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia traballan conxuntamente para concienciar á poboación sobre os problemas que están a provocar as especies invasoras como a herba da pampa (Cortaderia selloana), presente en amplas zonas do país.
Así, levarán a cabo diversas actividades durante a Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio co obxectivo de sensibilizar sobre este problema ambiental e económico.
As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico.
Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.
Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.
Programación de actividades
Durante a SIEI organizaranse charlas nos centros escolares e asociacións de Oia, unhas actividades de sensibilización que culminarán cunha acción de voluntariado de extracción xeneralizada de plumeiros, cartografado de plantas e extracción dunha área de afectación na contorna urbana.
Un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación serán os encargados de trasladar aos distintos colectivos do concello información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia de afrontar accións preventivas para evitar o seu rebrote.
A acción de voluntariado está prevista para o 29 de maio e consistirá en percorrer, por equipos, o termo municipal cun dobre obxectivo: extraer semente e cartografar a presenza da planta a través da plataforma habilitada polo proxecto LIFE Stop Cortaderia. Nela xa figura unha boa parte das plantas tras unha intensa actividade identificadora desenvolvida dende o municipio, un dos máis activos nesta materia de Galicia.