Santiago de Compostela | A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) veñen de abrir o prazo para inscribirse na sétima edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. O curso inclúe unha expedición a Marrocos onde dúas das participantes traballarán con organizacións locais.
As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa. Da man de entidades do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase no tratamento mediático da inmigración, a comunidade xitana, o xénero, a pobreza ou a discapacidade. Visitaranse asemade proxectos en activo, debaterase sobre a radio comunitaria e exporanse accións educomunicativas, mesmo coa participación de relatoras chegadas de países empobrecidos coma República Dominicana.
Un mínimo de dúas das persoas asistentes ao VII Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación.
As aulas impartiranse entre o 22 de febreiro e o 3 de maio, os mércores de 16 a 20 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 19 de febreiro en seminario@agareso.org. As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.
O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas na comunicación para o cambio social, de xeito que contribúan co seu labor a erradicar prexuízos e favorecer a inclusión.