Juan Seoane (Os Peares, Ourense, 1958) é deses poetas cultos que toman a pluma cun aire de coherencia. El fala do amor do mesmo xeito que pode falar da ruína. Ten unha obra extensa, máis dunha ducia de libros en distintas editoriais, os tres últimos coa editorial Adeshoras. Imos, pois, co intento de penetrarnos nese baúl de sentimentos persoais.
“Sempre en min acollín a beleza do verbo, as palabras que me interesan polo seu fluxo estético e sonoro”
Cóntanos como foi a túa incursión na poesía?
Sempre en min acollín a beleza do verbo, as palabras que me interesan polo seu fluxo estético e sonoro. Un vai bebendo ao longo de toda unha vida dos poetas (Valente, Edmond Jabés, Eliot, Baudelaire, entre outros) que me representan. Entre todas esas lecturas, inconscientemente un tenta ter a súa propia “maxia” de expresión.
Coñecémonos desde hai moitos anos; a amizade perdura e sempre consegues sorprenderme; cómo o fas?.
Os anos e amizade son paralelos e indiscutibles, aí maniféstase o coñecemento mutuo. Traballamos xuntos en distintos proxectos culturais, quero dicir que pola túa banda ese “asombro” é máis fácil de intuír que de explicar.
No teu último libro “Palabras de pleamar” existe un ton diferente, por qué?
Sinceramente non sabería explicar ese “misterio e a forma de brotar, pero tes toda a razón, leste é un libro que fala tanto de amor como de traxedias; tamén a infancia está presente, así me derrubei na prosa poética.
Se mal non recordo, tes máis poemas nesa liña, é así?.
Boa memoria a túa. Efectivamente creo que había máis de cen e publicáronse un pouco menos da metade. A editora Susana Noeda, con bo criterio, fíxome facer unha criba. O certo é que estou moi contento como quedou todo, tanto polas túas ilustracións como o saber facer de Susana. Longa vida a Adeshoras.
Entrevista de Fernando Ferro.