Natural das Neves, Dolores Rodríguez é desde 2019 propietaria do Hostal O Cendal, que xestiona xunto ao seu fillo. Emprendedora e con experiencia na hostalería e no mundo administrativo, “Loli”, como cariñosamente é coñecida, asegura que quere consolidar este proxecto de carácter familiar e darlle continuidade a través do seu fillo.
Estás entre as persoas recoñecidas pola GDR Condado Paradanta en materia de emprendemento rural. Hoxe levas adiante o Hostal Cendal nas Neves. Que nos podes comentar deste proxecto?
Sempre fun unha muller que lle gostaron as inversións. Traballei moitos anos na hostalería aquí nas Neves; tamén estiven un tempo traballando de administrativa en Madrid. Antes de emprender con este negocio eu xa tiña un bar en aluguer con selado de lotaría. Ao meu fillo, actualmente de 27 anos, comenteille se quería seguir co bar e aceptou. Así foi como comezamos este proxecto. Compramos un baixo cunha casa para facer o bar. En 2019 comezamos esta proxecto pero logo veu a pandemia que obrigounos a abrir en 2022.
Cóntanos cómo é o Hostal O Cendal?
No bar temos cafetería e tapas; no que ten que ver co aloxamento temos sete habitacións con tódalas comodidades (baño, ar acondicionado, servizos) Eu só ofrezo o aloxamento; despois deixo á vontade de cada cliente. No caso dos produtos que utilizamos, moitos deles son da miña horta como tomates, laranxas, limóns, aguacates, cebolas.
Cal é a procedencia dos teus clientes?
Temos de todo; estamos ao lado de Portugal e veñen de alí moitos clientes aínda que a maior parte da nosa clientela é local. Logo tamén veñen de Madrid, Barcelona, Tarragona, Alacante, etc. En 2023 veu moita xente do Sur de España, principalmente buscando un clima máis refrescante.
Que potencialidades en turismo rural ves nas Neves e no Condado Paradanta? Cres que é unha zona o suficientemente coñecida? Caso contrario, que cres necesita para a súa promoción?
Creo que é coñecida pero non o suficiente. Ás Neves fáltalle en gran parte vivenda, porque se non hai vivenda obviamente non haberá xente e tampouco moita actividade comercial. Tendo en conta o potencial vitivinícola da zona tiven algúns contactos con empresarios dese sector.
Este recoñecemento realza o protagonismo emprendedor das mulleres no mundo rural. Coñeces casos similares que deberían ser igualmente tomados en conta?
Para emprender un negocio como o meu hai que ter ganas. Eu son unha muller que quedou viúva aos 29 anos; considero que fixen un proxecto ambicioso.
“Considero que fixen un proxecto ambicioso”
Tes outras iniciativas ou proxectos en mente?
Non. Podería facer moitos pero agora mesmo teño 56 anos e o que pretendo é consolidar este proxecto e, de ser posible, deixarllo ao meu fillo para que o siga levando adiante.