Cantante, compositor, músico, actor e director, Xoán Curiel (Fonsagrada, 1975) destaca pola súa creatividade e prolífica obra dentro do panorama musical galego. Entrevista de Clara Borghesi para Ínsula Europea.
Querido Xoán, ademais de felicitarche polo teu último álbum, agradézoche moito esta entrevista: para min ten un significado especial, non só por completar o meu traballo de fin de curso, senón tamén polas lembranzas que me trae da nosa anterior colaboración. Porén, quedo abraiada pola simultaneidade entre a miña tentativa de afondar no tema ao que dedico esta tese e o lanzamento de Treides comigo!.
Lembro con moito cariño a nosa colaboración e agardo que poidamos repetila algún día.
Daquela, vou preguntarche pola orixe do teu proxecto e, máis en xeral, polo teu interese cara á lírica galego-portuguesa. Cal é o criterio co que escolliches as dez cantigas que forman parte do álbum?
En primeiro lugar fixen unha selección de nove cantigas medievais atribuídas a nove trobadores. Engadín unha décima composición a partir dun poema de Gonzalo Lopez Abente (poeta muxián membro das Irmandades da Fala), que versa sobre unha lenda medieval da zona de Muxía. Todo este traballo compositivo xira en torno á figura do Camiño de Santiago, xa que os dez autores (incluíndo a Abente) están relacionados dalgún xeito coas dez rutas de Santiago que existen en Galicia. Finalmente Iris Gey culminou o proxecto creando unha música para este disco a partir dunha cantiga de Bernal de Bonaval (relacionado con Santiago de Compostela, lugar de destino dos dez camiños) e pechando así conceptualmente este traballo discográfico.
“En Treides comigo! fixen unha selección de nove cantigas medievais atribuídas a nove trobadores”
Porén, que poderías contarme sobre o texto de Gonzalo López Abente?
Según me contaron, inspirouse nunha lenda medieval da zona de Muxía, concretamente da furna da Buserana. A lenda fálanos do amor entre o trobador Buseran e a bela Florinda. Cando pai de Florinda, un rico señor, sabe deste namorío, pecha a Florinda na fortaleza, mais Buserán non se da por vencido e todas as noites entona cantigas de amor para a moza. Finalmente o señor ordena a morte de Buserán lanzándoo, según conta a lenda, dentro da furna. Enterada Florinda, vira tola e diríxese día e noite á beira da furna a chamar polo seu namorado. Un día, en resposta ás chamadas de Florinda escoitanse as melodías de Buserán saír da furna e, de súpeto, unha onda sube polo cantil tomando a forma do trobador e levándose a Florinda para sempre.
De forma xeral, como actúa tu dinámica creativa? Comezas traballando no texto e terminando coa música ou ao revés?
Normalmente, cando estou compoñendo (e a letra vai ser miña), traballo a música e a letra de maneira simultánea. Neste caso, partín loxicamente das transcricións existentes destas cantigas e de xeito libre fun traballando música e armonía en función do que a cantiga me producía. O certo é que confío moito nas miñas “musas” á hora de compoñer e tento non ser ríxido e ser canle aberta para a música que me chegue.
Neste proceso de poñer música ás cantigas, ás veces fixen a canción inicial e despois mudei o ritmo ou a melodía para achegalo a unha concreta sonoridade que procuraba, ou incluso volvín a comezar de cero a facer a canción se a música non me convencía.
De tódolos xeitos, o proceso creativo do álbum paréceme especial: non só tiveches que musicar e arranxar textos doutros autores, senón que os mesmos pertencen a tempos tan remotos, escritos nun idioma moi diferente con respecto ao actual. Como traballaches neste sentido? É dicir, como se desenvolveu o proceso a partir dos textos medievais?
En canto ós textos, traballei sobre os mesmos de xeito libre, seleccionando as cantigas a partir das que musicalmente me pareceron mais interesantes unha vez musicalizadas. Para facer estas once cancións fixen unhas 22 cancións e finalmente escollín e depurei as que mais me gustaban. Cantar a lírica medieval galego portuguesa foi doado, debido á cercanía coa nosa lingua, e tamén ao estar moi acostumado a cantar en galego e en portugués. En canto á fonética e á lingua da lírica medieval galego-portuguesa, Iris Gey, cantante neste disco, que ademais é filóloga e profesora de secundaria de galego, fixo unha gran aportación neste aspecto.
Tamén contamos coa axuda dunha reunión puntual cunha experta medievalista e fixemos traballo de documentación e traballamos a nivel fonético para tentar achegarnos o mais posible á pronunciación que se estima que tiñan na época. Estamos satisfeitos dado o pouco tempo do que dispoñíamos, os nosos coñecementos limitados e a gran variedade de aspectos a ter en conta (de índole musical e de produción) nun traballo como este.
Gustaríame saber como actuaches en relación cos arranxos no caso da cantiga de Martim Codax, cuxa música chegounos por medio do Pergaminho Vindel.
Conservamos a melodía orixinal que se pode escoitar na voz de Iris. O resto dos coros son arranxos vocais que fixen en torno a esta melodía principal. Acompaña á canción a miña guitarra, a percusión e tamén trompetas e cornos que completan as voces dos coros.
Como progresou a colaboración cos músicos, sobre todo con Iris Gey, quen, ademais de artista, é filóloga?
Tivemos a sorte de contar con grandísimos músicos e moitos deles ligados á música clásica e particularmente en varios casos, á música medieval, como no caso de Carlos Castro, que foi o percusionista que elaborou as bases percusivas e que toca no grupo “Martin Códax”, adicados á música medieval.
Partimos da idea de traballar só con instrumentos acústicos e con certas sonoridades medievais (cornos, arpa, dulcimer, percusións de pel…). En calqueira caso non pretendíamos que este disco tivese un carácter purista ou historicista de música medieval.
“A nosa teima foi a de actualizar ou renovar estas cantigas dende un certo achegamento ao espíritu medieval, mais tamén dende unha liberdade creativa”
A nosa teima foi a de actualizar ou renovar estas cantigas dende un certo achegamento ao espíritu medieval, mais tamén dende unha liberdade creativa. Iris e eu levamos mais de 10 anos cantando xuntos e os últimos 6 nun proxecto en común. Coñecémonos moi ben e por iso foi fácil traballar con ela e facer que as voces funcionasen nas diferentes cantigas. Lóxicamente a súa faceta coma filóloga influiu moito para que este proxecto saíse adiante cun certo rigor tamén neste aspecto lingüístico.
Que significa para ti cantar en galego? Máis alá da naturalidade que se consigue cando se canta no propio idioma nativo, podería tratarse (quizais inconscientemente) tamén dunha forma de reivindicación identitaria, seica como herdanza das xeracións artísticas precedentes?
Coexisten os dous motivos que apuntas. Mais tamén teño que dicir que o galego é un idioma moi musical e moi agradecido á hora de compoñer e de cantar.
Tendo en conta que a nosa lírica foi cantada na corte do rei Alfonso X e era considerado unha lingua “elevada” e que posteriormente vivimos uns séculos escuros no que o galego foi maltratado, sempre está implícito o compoñente reivindicativo ou de xustiza histórica.
Tendo en conta as numerosas experiencias artísticas en distintos países e con varios autores estranxeiros, alén das túas capacidades de dominar varios rexistros lingüísticos e musicais, como vives na actualidade a relación entre o sentido de pertenza á túa terra e o resto do mundo?
Eu sempre tiven un amor especial polas culturas indíxenas de todo o mundo. Sempre ollei con profundo respeto as tradicións centenarias ou milenarias que hai e houbo no planeta, a sabedoría, todas as expresións artísticas, as linguas…
“Aquí en Galicia, a nosa forma de ser e de vivir está aínda moi ligada ao pasado, á natureza, á terra e ao mar”
Aquí en Galicia, a nosa forma de ser e de vivir está aínda moi ligada ao pasado, á natureza, á terra e ao mar. Aínda existe e perdura unha cultura matriarcal, previa ao patriarcado. Baixo o meu punto de vista os galegos temos algo de ligazón co indíxena todavía no noso ADN. É por isto que eu penso que temos vocación universal. Ademais disto, por diversas circunstancias fomos un pobo emigrante. A galega é unha cultura moi rica que conecta cos celtas, cos romanos, cos árabes, con Latinoamérica…
Eu síntome moi ligado á nosa cultura e teño un sentido de pertenencia e de gusto polo propio, mais tamén unha curiosidade moi grande polo resto de culturas e cando son capaz e podo, tento mesturarme e fusionalas.
A propósito de Latinoamérica, algunhas das túas cancións que atopei en discos anteriores reflicten unha relación ben importante con esta terra, coas atmosferas máxico-realísticas daquel continente. Poderías falarme un pouco máis disto?
Estiven de xira en Brasil e Arxentina. Por exemplo, o que mais me atrae culturalmente de Brasil é o sincretismo e precisamente a mestura e a fusión do indíxena, o africano e o europeo que deu lugar a múltiples manifestacións culturais a cada cal mais interesante.
Esta biodiversidade cultural semella infinita creativamente e o único perigo que vexo na actualidade é a uniformidade e homoxeneización que propón unha e outra vez a megaindustria cultural, que ten mais de “artificial” que de “vivo”.
No documental Vértice de versos, a maioría dos entrevistados detense a miúdo no termo ‘resistencia’, é dicir, refírense á poesía como medio de resistencia. A túa decisión de escoller formas poéticas e musicais que constitúen as raíces literarias e comunitarias de Galicia podería, dalgunha maneira, interpretarse como unha forma de resistencia ou, máis simplemente, completan mesmo una función na filosofía da “arte pola arte”?
Sí en certo modo pode ser unha forma de resistencia e de canto ás nosas propias raíces.
Para min, hoxe en día, a “revisión” ou “actualización” destas cantigas cumple varias funcións como a exaltación do propio, a función estética, ou o gusto por cantar e divulgar unha parte da evolución desta lingua que temos e que se perde nos tempos.
Compartiches experiencias significativas con moitos autores e músicos españois e estranxeiros; imaxino que todos foron importantes, pero mesmo creo que alguén marcou unha pegada especial, tanto no humano como no artístico…
Dous artistas que me marcaron moito artísticamente son o cantautor portugués João Afonso, sobriño de outro histórico da música portuguesa que é o Zeca Afonso. Gústame moito o que fae, a súa fusión da canción de autor en portugués con sonoridades africanas. Tiven a fortuna de cantar con el en varias ocasións.
Tamén influiume o recoñecido cantautor madrileño Javier Álvarez, con quen acabo de realizar unha xira en Galicia. A súa liberdade creativa, a súa rebeldía e a súa presencia en escena son moi inspiradoras.
Lembro unha colaboración moi interesante que fixen coa cantante de Angola Aline Frazão no seu primeiro disco. Musicalmente síntome moi ligado a este tipo de música lusófona atlántica.
De modo anecdótico, podo contar que nunha ocasión, de xira en California tiven a ocasión de facer unha improvisación coa gran Dee Dee Bridgewater (eu non sabía que era ela, mais)
Moitas grazas de corazón, Xoán, espero que nos volvamos ver algún día e, oxalá, realizar novas colaboracións.