Ponteareas | A concellaría de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, organiza para este venres día 7 unha actividade de senderismo combinado con kayak dentro da programación de Mocidade Viva. Esta novidosa suxestión deportiva e lúdica incorpórase á oferta de lecer específica para a mocidade co obxectivo de promover hábitos de vida saudábeis e o coñecemento do noso patrimonio natural.
Sendeyak combinará a andaina con descenso en kayak polo río Tea ao longo dunha ruta de 3 quilómetros polos bosques autóctonos do río Tea observando todos os seus recursos e regreso en kayak gozando da frescura das súas augas que dan vida a múltiples especies.
Esta actividade está deseñada para maiores de 11 anos e os menores de idade deben ir cunha persoa adulta. As e os interesados deben inscribirse en omix@ponteareas.gal. Os e as participantes sairán da praia fluvial da Freixa ás 17 horas para ir ata a poza do Barco e regresar en kayak.
O Concello bonifica unha parte do custo da actividade, tendo un prezo final para as persoas participantes de unicamente 15€ e inclúe todos os materiais necesarios, así como monitores e seguros.
Miguel Bouzó salienta que se trata dunha actividade segura e saudábel que contribúe no obxectivo da Concellaría de retomar as actividades específicas para a mocidade velando sempre polo cumprimento estricto das normas de seguridade sanitarias e distanciamento.