O Covelo | O concello de Covelo amplía a súa proposta de actividades de desfrute e coñecemento do medio natural ao alumnado do CEIP Antonio Rodríguez Blanco. Deste xeito, ao longo de varios anos desenvolverá o proxecto “Ríos, aldeas e montañas” grazas ao que o alumnado poderá realizar saídas didácticas da man do guía de montaña Julio Eiroa.
O Concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, desenvolverá excursións interpretativas dende este ano 2023 ata o 2028 co obxectivo de acompañar ao alumnado dende que cursa 1º de primaria ata 6º. Deste xeito, durante o curso escolar realizarase unha saída por ciclo. 1º e 2º primaria sairán xuntos, 3º e 4º polo seu lado e 5º e 6º de primaria tamén. Un neno ou nena que neste ano curse 1º de primaria terá a oportunidade de realizar 6 excursións, totalmente de balde, de diferente temática nas que descubrir a riqueza natural do seu concello.
“Cremos que a través do coñecemento conseguimos unha maior posta en valor e por iso pensabamos que é imprescindible que os máis pequenos e pequenas dos fogares e do colexio de Covelo coñezan o seu patrimonio natural e cultural porque eles e elas serán os que prolonguen este legado”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Un deseño previsto para desenvolver en varios anos consecutivos de excursións interpretativas de educación ambiental e patrimonial e que completa a oferta estable anual que xa viña desenvolvendo nos últimos anos o Concello dirixida a visitantes e público adulto en xeral.
O nome do proxecto recolle os conceptos que unifican esta formación. Así os alumnos de 1º e 2º de primaria participarán en actividades no ecosistema fluvial do fondo dos vales que percorre Covelo. Os alumnos de 3º e 4 de primaria participarán en actividades ligadas á vida na aldea e parroquias e os alumnos de 5º e 6º de primaria visitarán as serras e montañas do concello de Covelo. “A idea é realizar un percorrido dende o fondo do val cara os cumios das serras que permitan o territorio no que estes nenos e nenas viven”, explica Julio Eiroa.
As saídas terán lugar en horario de mañá do día lectivo, con desprazamentos en autobús dos alumnos e alumnas ata lugares icónicos do territorio, onde realizar un pequeno percorrido a pé e actividades de interpretación. Entre os contidos a desenvolver podemos destacar para o primeiro ciclo: O río Tea, o bosque de ribeira, o salmón atlántico e os muíños.
Para o segundo ciclo: O serradoiro de Carranos, o lagar de cera, as levadas e as eiras. Para o terceiro ciclo: A tradición gandeira, as chozas, chozos, currais e sesteiros, os foxos dos lobos, os camiños arrieiros e as turbeiras de montaña. Ademais, existen conceptos que se repetirán en todas as saídas como é o coñecemento das parroquias.
Os beneficios de que o alumnado se integre no territorio son claros. Xera coñecemento da dimensión, xeografía, orientación e valores do territorio que habitan. Crea identidade no pobo e a conciencia de pertencer a un lugar valioso, ademais de aportar valores de respecto polo medio ambiente e o patrimonio.